spot_img
InicioPontevedra e Área120 xóvenes da provincia de Pontevedra participarán no proxecto DepoEmprende

120 xóvenes da provincia de Pontevedra participarán no proxecto DepoEmprende

120-xovenes-da-provincia-de-pontevedra-participaran-no-proxecto-depoemprende

DepoEmprende ten por obxectivo fomentar o emprendemento de 120 mozos e mozas da provincia que están sen emprego e cos estudos rematados

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou hoxe nunha xornada de presentación do proxecto DepoEmprende, posto en marcha en colaboración coa Fundación Incyde das cámaras de comercio da provincia e financiado polo Fondo Social Europeo. Trátase dun programa que pretende fomentar a cultura emprendedora entre os mozos e mozas sen emprego na provincia, logrando así incorporar ao mercado laboral a 120 xóvenes que son os que participarán na iniciativa.

“No noso país non educamos para emprender e iso é un problema. Porque hai moi boas ideas, pero non hai as estruturas nin os recursos para levalas a cabo. E para iso nace DepoEmprende, como unha ferramenta útil para converter as ideas dos nosos mozos e mozas en proxectos profesionais de futuro”, explicou Silva. Engadiu ademais que, con DepoEmprende, a Deputación de Pontevedra fai o que debería facer calquera outra Administración, “buscar proxectos e iniciativas que permitan crear emprego entre os máis novos, que por desgraza son un dos colectivos máis afectados polo paro e pola crise”.

Poden anotarse neste proxecto todos os mozos e mozas da provincia, menores de 30 anos, que nestes momentos estean sen estudar e sen traballar e con inscrición no Sistema de Garantía Xuvenil. Serán seleccionados e seleccionadas 120, que contarán, durante seis meses, cun plan personalizado de formación e capacitación para mellorar a súa inserción laboral con especial fincapé no emprendemento.

O programa DepoEmprende desenvólvese a través da Fundación Incyde das cámaras de comercio da provincia e conta coa participación ademais de concellos, confederacións de empresarios, universidades, asociacións de empresarios e outras Administracións. “O obxectivo de todos é común: lograr que 120 mozos e mozas acaden as habilidades e as capacidades precisas para poder encontrar emprego ou crealo eles e elas mesmas”, explicou a Presidenta. O proxecto conta cun orzamento de 256.668 euros.

Durante todo este mes de agosto, dende a Deputación de Pontevedra tamén se van desenvolver outras xornadas de presentación de DepoEmprende para dalo a coñecer a mozos e mozas por toda a provincia. Será mañá, día 11, en Vigo; o 23 en Vilagarcía de Arousa; o 24 en Barro-Meis; o 26 en Tui; e o 30 de agosto en Lalín.

A Presidenta lembrou ademais que a Deputación ten no emprego xuvenil un dos seus obxectivos prioritarios de traballo, co Plan de Práctica Laboral  para deputación e concellos, que xa está en marcha, así como o Plan para empresas e organizacións non gobernamentais, cuxo prazo para anotarse está aberto agora. Ademais tamén se desenvolve o programa Practicum Depo para facilitar a estadía formativa no estranxeiro de mozos e mozas con estudos de formación profesional, así como o convenio coa Universidade de Vigo para complementar a estudantes beneficiarios de becas Erasmus.

- Publicidade -spot_img