O Consorcio da Zona Franca acaba de instalar na rúa do Príncipe unha exposición que repasa os seus 75 anos de historia
Os vigueses e visitantes da cidade poderán ver a mostra durante o mes de xuño diante do Museo Marco e coñecer un pouco máis a unha institución que foi clave para o desenvolvemento empresarial, industrial e económico de Vigo e a súa área de influencia.
A exposición trata de reflectir dunha forma especialmente gráfica, moi clara e ben documentada, as realizacións máis importantes e os fitos máis destacados dos 75 anos de historia do Consorcio da Zona Franca de Vigo, cun acento especial nos últimos tempos, ao longo de dez grandes bloques, de catro caras cada un.
A mostra súmase ás actividades do Consorcio para celebrar estes 75 anos, que culminarán cun congreso económico o 27 e 28 de xuño, Vigo Global Summit, que contará con dous premios Nobel de Economía, Paul Krugman e Abhijit Banerjee.
Os dez bloques da exposición abordan a xénese e posta en marcha da Zona Franca nos seus dez primeiros anos, cando Vigo xogou ben as súas cartas e gañou a apetecida concesión a Bilbao e Xixón; o impulso de Citroën e o desenvolvemento do polígono de Balaídos; as Vodas de Prata coa entrada de España na CEE e o polígono de Bouzas, que foi o primeiro estirón de Zona Franca e que propiciou a reordenación do seu espazo nunha época de crise moi complicada e a perda das súas vantaxes arancelarias.
Continúa co Polígono da Granxa e o Parque Tecnolóxico e Loxístico, case dous millóns de metros cadrados no Porriño e en Beade-Valladares, para atender unha crecente demanda de chan comercial e industrial; o parque empresarial de Porto do Molle en Nigrán e o impulso da Plisan en Salvaterra-As Neves; así como as Vodas de Ouro, que se celebraron co concerto de Supertramp; e Abrir Vigo ao Mar, a gran operación urbana, na que Zona Franca foi a súa impulsora, que cambiou a imaxe da cidade.
Termina a mostra cun repaso das tarefas máis de economía social e menos recoñecidas dunha tecedora empresarial que multiplicou o seu radio de acción; o balance de catro anos de xestión #ante as Vodas de Diamante e os retos de futuro con catro proxectos estrela, que son o World Car Center, a planta de hidróxeno verde, a planta fotónica de microchips e o centro de negocios de López Moura.