
A programación inclúe cinco concertos no Teatro Afundación de Vigo a cargo da Real Filharmonía de Galicia, a Orquesta Sinfónica de Galicia e Al Ayre Español
Afundación, a Obra Social de ABANCA, pon á venda os abonos para a súa nova Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo que se desenvolverá de outubro a decembro no Teatro Afundación de Vigo. Inclúe dous concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dous a cargo da Orquesta Sinfónica de Galicia e un a cargo da agrupación Al Ayre Español.
Os abonos, que supoñen un aforro do 20 % con respecto ao prezo dos billetes individuais, estarán dispoñibles na web Ataquilla.com a partir de mañá, 29 de xuño, e ata o vindeiro 17 de setembro. A venda das entradas soltas comezará a partir do 18 de setembro tanto na web Ataquilla.com como na Sede Afiundación de Vigo (Policarpo Sanz, 26).
A Tempada de Abonos de Clásica está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a xeito de entrada solidaria nos colectores habilitados ao efecto. Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.
A PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS
Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 h.
Abrirá a tempada, o 18 de outubro, a Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Joana Carneiro e acompañada pola frauta de André Cebrián.
A agrupación Al Ayre Español, especializada en música antiga, ofrecerá un concerto con Alexis Aguado e Kepa Artetxe nos violíns, Aldo Mata no violonchelo, Xisco Aguiló ao contrabaixo e o órgano de Eduardo López Banzo o 23 de outubro.
Continuará a Orquesta Sinfónica de Galicia o día 26 de outubro cun concerto con obras de F. Chopin con Iván Martín como director e solista.
O día 22 de nocembro retornará a Real Filharmonía de Galicia coa estrea absoluta da obra Schattenhaft de Hugo Gómez-Chao, baixo a dirección de Baldur Brönnimann.
Finalmente, a Orquesta Sinfónica de Galicia poñerá o peche á tempada o 21 de decembro nun recital que contará coa mezzosoprano Lorena Valero baixo a batuta de Cristóbal Soler.




