Este venres e sábado, 7 e 8 de novembro, Vigo converterase nunha xanela aberta ao mar coa celebración da Xornada de Portas Abertas do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo. O obxectivo desta iniciativa é achegar o traballo do persoal investigador a persoas de todas as idades dun xeito lúdico, creativo e de acceso libre.
Con estas xornadas, o CIM reafirma o seu compromiso coa divulgación científica, convidando a descubrir como se investiga, sensibilizando sobre a importancia de coidar o medio mariño e tamén inspirando ás novas xeracións, sementando así futuras vocacións científicas. Grazas ao apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a programación abrangue desde unha feira científica no centro comercial A Laxe ata visitas exclusivas a infraestruturas singulares como a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), ofrecendo actividades abertas e de balde para persoas de todas as idades.
Todo enmarcado nunha campaña de publicidade exterior con bandeiras nos farois da Autoridade Portuario de Vigo baixo o lema CIM é mar, é ciencia, é innovación e é sociedade, coa que se busca dar a coñecer a esencia e o compromiso do CIM coa protección e o coñecemento do océano. A través desta mensaxe, o CIM reivindica o seu papel como referente na investigación mariña en Galicia, destacando a súa contribución á innovación científica, ao desenvolvemento sustentable e á transferencia de coñecemento cara á sociedade. A campaña pretende achegar a ciencia mariña á cidadanía, poñendo en valor que o traballo do CIM non só impulsa o avance científico, senón que tamén repercute directamente no benestar social, económico e ambiental.
Coñece a ciencia mariña da man do CIM
O venres 7, de 17.00 a 20.30 horas, o centro comercial A Laxe converterase nun auténtico laboratorio aberto co evento Coñece o CIM na rúa. O público poderá participar en obradoiros, demostracións en vivo e xogos interactivos para achegarse a disciplinas como a xenética, a fisioloxía dos peixes, a contaminación mariña ou as tecnoloxías oceánicas. Entre outras propostas, haberá obradoiros sobre técnicas xenéticas para a identificación de especies, observación de sedimentos con microscopios estereoscópicos e actividades para comprender o impacto da contaminación no océano.
Ademais, o público poderá achegarse a postos con animais mariños vivos, como estrelas de mar, ourizos ou mexillóns, para observar de preto procesos de depredación e interacción no ecosistema. Outro espazo mostrará medusas vivas e permitirá coñecer curiosidades sobre o seu papel no medio mariño e a súa relación cos cambios ambientais.
No marco da xornada, e coa colaboración coa Autoridade Portuaria, tamén están previstas visitas guiadas ao visor subacuático Nautilus, unha instalación permanente situada a carón do centro comercial, na que se poden observar fondos mariños en tempo real. Estas visitas terán lugar entre as 16.00 e as 18.00 horas e, dado o seu aforo limitado, requirirán inscrición previa na web cienciasingular.gal a partir de hoxe luns.
Se o tempo o permite, na contorna da estatua do Nadador instalarase o xogo interactivo Aquamission, un viaxe científico pola acuicultura, un taboleiro xigante que convida a explorar a acuicultura sostible de maneira divertida, promovendo o pensamento crítico e o interese pola investigación mariña. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao centro comercial A Laxe.
Ademais, o público poderá participar no escape room virtual Descobre máis sobre a investigación oceánica co CIM, inspirado no mural científico-artístico do Real Club Náutico de Vigo, obra do artista Delio Rodríguez en colaboración co CIM e Campus do Mar. A proposta convida a resolver retos usando o móbil como ferramenta e permite descubrir, dun xeito ameno, os piares da observación oceánica e o impacto da investigación mariña no progreso social.
A feira tamén contará cun espazo informativo sobre proxectos de divulgación científica como Iberarenum, Rede Galega de Escolas Azuis, ImpactArte e Scientists Meet Artists.
Embárcate co CIM: un paseo para aprender navegando
A programación das Xornadas de Portas Abertas continuará o sábado 8 de novembro coa actividade Embárcate co CIM, un paseo divulgativo pola ría que levará ao público a bordo dun barco-aula desde o peirao de A Laxe ata a illa de Toralla. A travesía, pensada para gozar e aprender ao mesmo tempo, contará con dúas quendas: de 09.00 a 12.00 horas e de 12.15 a 15.00 horas. O acceso é gratuíto, pero require inscrición previa.
Durante o percorrido, as persoas participantes poderán realizar actividades de observación e recollida de mostras de organismos mariños e sedimentos, guiadas por investigadoras e investigadores do CIM, que explicarán a importancia destes datos para comprender os ecosistemas mariños e avaliar o seu estado fronte aos desafíos ambientais actuais.
A xornada culminará coa visita á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), o corazón da investigación mariña da Universidade de Vigo. Nesta infraestrutura singular, o público descubrirá modernos laboratorios, salas de cultivos, instalacións de mesocosmos e espazos especializados onde se desenvolven estudos punteiros sobre biodiversidade mariña, impacto do cambio climático e sustentabilidade dos recursos pesqueiros, entre outros.



