A Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres á adquisición desta obra de Laxeiro para incorporala á exposición permanente de arte galega do Concello.
“Barca espacial” é un óleo sobre lenzo pintado por Laxeiro en Bos Aires, no ano 1961. É unha obra de grandes dimensións, que mide 139×205 centímetros e que se atopa en “moi bo estado de conservación”.
O director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, considera que a obra é “unha dos cumes da súa carreira, que foi realizada nun momento de plena madurez, estabilidade e prestixio profesional”. Así, considérase unha das 26 obras chave do pintor, das 3.581 catalogadas.
O Concello dispón dunha das mellores coleccións de arte galega da comunidade, sendo a colección de Laxeiro a mellor representada de toda Galicia, tanto por número de obras como polo representativas que son. Neste momentos, hai obra do pintor no Pazo de Castrelos, na Pinacoteca e na propia Fundación Laxeiro.



