A ministra de Fomento, Ana Pastor, acompañada polo Presidenta da Xunta Alberto Núñez Feijóo, efectuou hoxe un percorrido polo Eixo Atlántico a bordo dun tren de probas que realizou o traxecto comprendido entre A Coruña e Vigo, e no que puido comprobar o estado da infraestrutura de cara á súa entrada en servizo comercial.
A conclusión dos tramos Padrón-Vilagarcía e Arcade-Vigo Urzáiz, cuxa infraestrutura se atopa en fase de probas, permitirá completar o tramo comprendido entre Santiago de Compostela e Vigo, de 93,9 km de lonxitude, que quedará conectado así ao traxecto Santiago-A Coruña, de 61,7 km de lonxitude, xa en explotación.
Ademais, visitaron a nova estación ferroviaria de Vigo-Urzáiz, onde a ministra destacou a importancia que este novo servizo terá para os galegos.
Nos próximos días, todo o trazado do Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña, de 155,6 km de lonxitude total, quedará completado, o que reverterá en importantes aforros nos tempos de viaxe en todas as relacións, á vez que aumentará o confort ao establecerse unhas condicións óptimas de rodaxe e trazado. A distancia entre Vigo e A Coruña recórtase en 21,8 km o que permitirá aforros de tempos moi significativos.
Pola sua banda o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á culminación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade como un momento histórico para a Comunidade que cambiará “a forma de entender Galicia, de relacionarnos, de convivencia e de traballo”. “Marcará un antes e un despois nas relacións entre as cidades e entre os galegos”, aseverou.
“Hoxe é un día histórico porque finalizamos unha infraestrutura cuxa primeira travesa puxemos no 2001 e que entre todos fomos capaces de finalizar a primeiros do 2015”, engadiu, logo de salientar que a entrada en servizo do Eixo Atlántico significa que cada persoa que realice este traxecto disporá de 50 minutos máis, ao pasar das dúas horas necesarias ata agora para realizar o mesmo percorrido a 70 minutos para percorrer os máis de 150 quilómetros entre A Coruña e Vigo.
Tras facer en tren a ruta A Coruña- Vigo, acompañado da ministra de Fomento, Feijóo subliñou que “agora, xa desde o mes de abril, cinco cidades galegas están conectadas por un tren de alta velocidade e queda menos para conectarnos coa meseta”.
Na súa intervención tivo palabras de recoñecemento aos anteriores gobernos da Xunta e gobernos centrais, así como ao actual Goberno de España polo seu compromiso con esta obra; “o recoñecemento de que fomos quen, na recesión económica, de finalizar o Eixo Atlántico, que sen dúbida é un antes e un despois na historia das relacións entre os galegos, que entendemos moito máis que vivimos nunha Comunidade unida, coas cidades conectadas entre si en 30 minutos”.
Pola súa banda o alcalde de Vigo Abel Caballero cualificou a nova estación de “excepcional” e considéraa a “culminación dun soño histórico para a cidade” a inauguración da primeira fase da nova terminal, “unha obra que “Vigo leva tanto tempo pedindo”. Considera que a estación é “fenomenal” e que se pode comparar coas mellores de alta velocidade que uno poida ver en España”.
O Eixo Atlántico poderá ser cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polas Axudas RTE-T a través do mecanismo financeiro CEF “Conectar Europa”.
Eixo Atlántico
Esta liña construíuse nunha contorna de gran dificultade orográfica e zonas densamente poboadas. Así, o tramo A Coruña-Vigo conta con 37 túneles, que suman unha lonxitude global de 59,2 km, un 38% do percorrido total. No tramo Vigo-Santiago sitúanse outros 24 túneles, cunha lonxitude global de 39,7 km (o 33% do total).
Así mesmo, a liña ten 32 viadutos que suman unha lonxitude de 14,9 km (un 9,5% da lonxitude total). O tramo Vigo-Santiago conta con 24 viadutos, con 12,2 km de lonxitude (un 13% do total). O máis longo é o do Sar (2.411 m), pero seguramente o máis emblemático é o do Ulla (1.620 m), que ostenta unha marca mundial de luz (anchura entre alicerces) para pontes ferroviarias metálicos, co seu 240 m.
Este viaduto, que salva o río Ulla preto da súa desembocadura, será un símbolo das comunicacións en Galicia, ao servir de nexo entre o norte e o sur desta Comunidade Autónoma. Na súa execución tívose en conta a protección do medio ambiente e a integración na contorna.
Estación de Vigo-Urzáiz
O novo acceso ferroviario norte a Vigo evita o paso en superficie pola zona urbana e ten a súa saída na nova estación de Vigo-Urzáiz, situada no mesmo lugar que a anterior, pero a unha cota 15 metros máis baixa.
A estación, que ten unha superficie de 1.330 m2, albergará os servizos necesarios para o viaxeiro, cafetaría e locais comerciais, e o acceso á pasarela de embarque e plataformas definitivas.







