Grazas á participación activa de máis de 300 axentes, públicos e privados, universidades e centros tecnolóxicos, que crearon un diálogo real sobre o futuro de Vigo e a súa área de influencia.
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, participou estes días nos actos organizados por Portos do Estado con motivo do 30 aniversario da creación do sistema portuario español.
Neste contexto, e aproveitando unha xornada de traballo na que estiveron presentes os máximos responsables das Autoridades Portuarias españolas, Vázquez Almuiña presentou o plan Blue Growth que lidera o Porto de Vigo desde 2016 como “folla de roteiro” no novo Marco Estratéxico de Portos do Estado, onde a sustentabilidade ambiental, social e económica deben de marcar os criterios de actuación a través de diferentes liñas estratéxicas que logren portos ecoactivos, ambientalmente sostibles e comprometidos coa súa cidade. “Debe existir un equilibrio entre as tres dimensións – ambiental, social e económica- e evitar, como ocorre co veto á pesca en Áreas Comunitarias, que una delas prevaleza sobre as demais”, insistiu.
Segundo destacou, o Porto de Vigo é hoxe “un porto forte que segue crecendo, pero en azul”, grazas á súa estratexia de crecemento sostible. Desde os seus inicios, a estratexia do Porto de Vigo non deixou de crecer e evolucionar, integrando os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), o Pacto Europeo Verde ou unha Transición Ecolóxica Xusta e, agora tamén, os do Marco Estratéxico -a través das liñas estratéxicas-, grazas ao diálogo e a participación público-privada de máis de 300 axentes, incluíndo universidades e centros tecnolóxicos, que crearon un diálogo real sobre o futuro de Vigo e a súa área de influencia. Unha metodoloxía que cualificou de “innovadora”, xa que está baseada nas persoas, o que, sen dúbida, é a clave do seu éxito. Un éxito real e avalado polos numerosos premios e recoñecementos internacionais recibidos.
Neste sentido, lembrou que o Porto de Vigo foi galardoado, en dúas ocasións, co Premio á Sustentabilidade, coñecido popularmente como o “Óscar” do medioambiente, outorgado pola Asociación Internacional de Portos (IAPH), ademais do recoñecemento da propia Comisión Europea. “Hoxe é posible ver nas dársenas portuarias cabaliños de mar e londras, que son moi sensibles á calidade da auga”, salientou.
Principais indicadores
A estratexia de Crecemento Azul 2021-2027 do Porto de Vigo abarca un total de 58 proxectos, dos que 40 están xa en marcha. Dos 82M€ aprobados, entre financiamento público e privado, lográronse captar 32 millóns de euros en subvencións europeas.
Esta aposta cara a un porto Azul e Verde plásmase nos compromisos presentados #ante Nacións Unidas en 2017 e onde, a institución que preside Vázquez Almuiña, apostou por unha redución do 30% das emisións totais do Porto -un obxectivo xa cumprido durante este ano-, así como por adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos e conservar e utilizar sosteniblemente os océanos, os mares e os recursos mariños, debido á súa gran biodiversidade.
Neste sentido, o Porto de Vigo comprometeuse á rexeneración de 160.000 m2 de fondos mariños portuarios e á recuperación da biodiversidade en toda a zona portuaria, ademais da limpeza total dos lixos mariños (estímase eliminar ao redor de 250 tons). “E todo iso -asegurou- en colaboración cos centros de coñecemento e a sociedade civil, aplicando métodos innovadores e promovendo a relación dos portos azuis e as cidades verdes”.
Un Plan con tres enfoques
Actualmente, o novo Plan de Crecemento Azul ten tres enfoques moi marcados: ser un Porto Verde e cumprir co Pacto Verde Europeo, a dixitalización de todos os procesos e a introdución da innovación, e ser un Porto Inclusivo, integrado na cidade e na súa contorna, cunha alta porcentaxe de proxectos Porto-Ciudad.
Segundo destacou o máximo responsable portuario, a Innovación é “fundamental” para dotar á sociedade de ferramentas e mecanismos que lle faciliten competir e a sustentabilidade é “o noso compromiso”. Por iso, “en 2030 queremos posicionarnos como ‘Porto cero emisións’”. Para logralo, a institución que preside está a promover a implantación de renovables en todos os seus edificios, como sucede no caso do proxecto Lonxa 4.0 autosuficiente, o uso de Gas Natural Licuado, a electrificación dos peiraos mediante sistemas OPS, a transformación dos barcos de transporte de ría e portuarios a electricidade co proxecto Green Bay e a construción da primeira estación de subministración de hidróxeno para a mobilidade terrestre, marítima e industrial para xaneiro de 2024 a través do proxecto Julio Verne, para o que “xa temos o 80% da demanda pechada” e que acaba de ser seleccionado para recibir as axudas da 1ª convocatoria de Proxectos Pioneiros e Singulares de hidróxeno, con 2,4M€.
Así mesmo, Vázquez Almuiña lembrou que o Porto de Vigo adheriuse recentemente ao Pacto Mundial de Nacións Unidas e traballa xunto a Portos do Estado coa FAO, a Unesco e o Banco Mundial na creación dunha Rede de Portos Azuis global “capaz de exportar todas estas boas prácticas ao resto do mundo”, porque “compartir e estender este coñecemento é o noso obxectivo, onde España, Portos do Estado e o Porto de Vigo, están a ter un papel da máxima relevancia”, aseverou. “Estamos convencidos de que a colaboración e o diálogo son claves para avanzar e que o Porto de Vigo pode seguir crecendo en azul, xerando emprego e riqueza de forma sostible” e, por este motivo, “apostamos por unha transición progresiva e xusta”. Por iso, e co obxectivo de reducir a pegada de carbono, avogou pola conexión da maior Terminal do Porto, a de Bouzas, co ferrocarril, “para poder desenvolver o Corredor Atlántico do Noroeste de Mercadorías e conseguir que sexa un corredor verde”. Unha actuación que considera “imprescindible”.




