spot_img
InicioVigo e áreaVigoUniversidade de Vigo e Deputación de Pontevedra asinan por primeira vez un...

Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra asinan por primeira vez un protocolo de colaboración a catro anos

universidade-de-vigo-e-deputacion-de-pontevedra-asinan-por-primeira-vez-un-protocolo-de-colaboracion-a-catro-anos

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron hoxe o primeiro protocolo de colaboración institucional que define o marco de relación entre ambos organismos para os próximos catro anos. Mediante este protocolo ambas as dúas entidades promoverán a cooperación para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade.

O impulso dos proxectos de especialización CREA S2i, no campus de Pontevedra, e Vigo Tecnolóxico, a promoción do emprego e o emprendemento xuvenil na provincia, a colaboración en actividades de captación do alumnado con mellor traxectoria académica ou o apoio dos expertos e expertas da institución académica nos proxectos da Deputación son algúns dos eixos do primeiro marco de colaboración para un período de catro anos que a Deputación Provincial subscribe coa Universidade, a fin de aproveitar o talento e o coñecemento da institución académica.

A Presidenta da Deputación mostrou a súa total satisfacción pola consecución deste acordo, cuxas accións se desenvolverán a través de convenios específicos e mediante a convocatoria pública de axudas. “Hoxe damos un paso enormemente relevante porque as universidades teñen que estar presentes nas administracións. As que non o entendan serán erradas. Na Universidade está o coñecemento pero se iso non se converte en proxectos que revertan na mellora da vida das persoas, todo queda en principios e en discursos. Nós damos ese paso, é fundamental implantar ese novo modelo e non podemos esperar máis, engadiu.

Silva dixo que, ademais era unha honra que unha universidade tan recoñecida e con tantos proxectos de éxito entrase na Deputación “pola porta grande” e asegurou que “serán tantos os retornos que terá a provincia con este acordo que esta nova forma de traballar durará moitos anos independentemente de quen goberne”

Pola súa banda, ou Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, cualificou o acordo de “histórico” e avanzou que de forma previa á constitución da comisión mixta encargada de definir os plans de anuais de traballo que desenvolverán este protocolo, as dúas institucións xa están a colaborar en varios campos como o tratamento de residuos, a sostenibilidade, a reutilización, a innovación ou a calidade.

“Somos un modelo de Universidade que quere mirar á sociedade e trasladarlle o seu talento para darlle músculo, potencia e crecemento económico á súa contorna”, salientou Mato quen puxo de relevo a importancia de transferir o coñecemento xerado na institución académica á sociedade, xa que “canto máis fagamos estas cousas máis e mellor nos vai comprender a xente”. Nese senso, Mato destacou que “para nós a Deputación é unha institución absolutamente estratéxica para poder chegar a toda a provincia”. Por iso, puxo en valor un protocolo que “dótanos dunha sistemática de traballo” para os próximos catro anos. “Esta maridaxe é o mellor exemplo de que dúas institucións poden ser complementarias e traballar xuntas de forma sostida no tempo para conseguir obxectivos concretos”, sinalou.

Nun prazo de quince días procederase á constitución dunha Comisión Mixta que elaborará o plan anual de actividades e marcará a axenda dos temas prioritarios que repercutirán en áreas sensibles para o progreso da provincia, que contribuirán a modernizala, a traballar en rede e a aplicar os principios do bo goberno. Segundo se estipula no documento asinado nesta xornada, esas accións desenvolveranse posteriormente por grupos de traballo con técnicos de ambos organismos.

universidade-de-vigo-e-deputacion-de-pontevedra-asinan-por-primeira-vez-un-protocolo-de-colaboracion-a-catro-anosEntre os obxectivos deste Protocolo está o impulso dos proxectos de especialización CREA S2i, do campus de Pontevedra e Vigo Tecnolóxico; a organización e realización de todo tipo de actividades académicas que favorezan a formación continua do persoal da Deputación e os 62 concellos; o impulso do emprego e emprendemento xuvenil na provincia e a colaboración en actividades de captación dos estudantes con mellor traxectoria académica para que continúen a súa formación na Universidade de Vigo. Así mesmo, o acordo tamén abrangue a promoción da mobilidade de estudantes e docentes a nivel internacional; facilitar a xestión do aloxamento dos estudantes a través do impulso ás residencias universitarias e a bolsa de pisos; a colaboración nos programas de captación de recursos, especialmente europeos; o apoio dos expertos da Universidade en todos os temas de interese da Deputación relativos a equilibrio territorial, medio ambiente, turismo ou patrimonio; proxectos culturais; ou a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade

O vindeiro martes a Presidenta da Deputación e o Reitor da Universidade de Vigo asinarán o primeiro convenio froito deste protocolo, polo que 150 universitarios con poucos recursos económicos poderán ser seleccionados nas convocatorias de Erasmus+ para realizar estudos en universidades europeas ou prácticas formativas en empresas e institucións doutros países. Son 150 bolsas de 1000 euros cada unha. En total:  unha contía de 150.000 euros

- Publicidade -spot_img