spot_img
InicioVal MiñorBaionaUn total de 77 barcos e 400 regatistas dos 5 continentes competirán...

Un total de 77 barcos e 400 regatistas dos 5 continentes competirán dende o domingo en Baiona no Mundial de J80

Un total de 77 barcos e 400 regatistas dos 5 continentes competirán dende o domingo en Baiona no Mundial de J80

Baiona inicia a conta atrás para o Mundial de J80 que a partir do próximo domingo celébrase na vila do Val Miñor baixo a organización do Monte Real Club de Yates.

Revista COUSAS DE Nº18

Tras o seu paso por Dinamarca (2021) e Estados Unidos (2022), a cita mundialista chega por primeira vez a Galicia para converter a Baiona en sede do evento náutico do ano na comunidade galega e un dos máis importantes do calendario regatero español.

Desde o vindeiro domingo, 17 de setembro, ata o sábado 23 de setembro reuniranse nas Rías Baixas preto de 80 veleiros chegados de varios continentes, nos que durante toda unha semana navegarán e mediranse preto de medio milleiro de regatistas de 43 países dos 5 continentes.

Dos sete días marcados no calendario, cinco están reservados á competición e o resto servirán de preparativos. As regatas puntuables disputaranse do 19 ao 23, pero os días previos xa haberá movemento no Monte Real. O rexistro das tripulacións, a montaxe dos barcos, o control dos equipamentos e outras cuestións relacionadas coa normativa da competición darán vida aos pantaláns do club baionés.

Os trámites e cuestións máis técnicas realizaranse o domingo 17, unha xornada na que todo debería quedar listo para o inicio das probas. O luns 18, as tripulacións que o desexen poderán realizar a súa primeira toma de contacto co campo da competición nunha regata de adestramento. E ese mesmo día, ás oito da tarde, os xardíns do Monte Real acollerán a cerimonia de apertura do Mundial.

A partir do martes 19 celebraranse xa as probas oficiais. Os J80 competirán en tempo real en trazados curtos e intensos, previsiblemente situados no fondeadoiro das illas Cíes, aínda que todo dependerá das condicións meteorolóxicas.

Tripulacións de Galicia e Portugal bateranse en augas do Atlántico para conseguir o récord do 'Carrumeiro Chico'

Espéranse probas emocionantes para todas as categorías en liza: unha xeral, unha mixta (cun mínimo do 40 por cento da tripulación de distinto sexo), unha xuvenil (para equipos con tripulantes menores de 25 anos), unha corinthian, unha feminina e unha máster.

A clasificación final de todas elas sairá dun programa deportivo no que están previstas un total de 15 probas divididas en 3 mangas por xornada, e no que, a partir da quinta proba disputada, as tripulacións poderán descartar o seu peor resultado.

Na auga, 6 jurys internacionais farán xuízo directo na auga e encargaranse de vixiar que os equipos cumpren todas as normas. En terra haberá unha área especial para a medición e subida-baixada de barcos e outra zona na que se medirán as velas.

Un village con múltiples propostas nos xardíns do Monte Real protagonizará a parte máis ociosa dun evento que se prolongará ata o 23 de setembro ás sete da tarde, cando se entregarán os trofeos aos gañadores, poñendo punto e final a un dos eventos que seguirán ampliando a historia do Monte Real Club de Yates.

Todos aqueles que queiran seguir a competición en directo poderán facelo a través da páxina web do mundial https://www.j80worldsbaiona2023.com/ grazas a un sistema de tracking que permitirá coñecer en cada momento a posición exacta dos veleiros.

A ARMADA ESPAÑOLA E O ESCUADRÓN GALLEGO A POR O TÍTULO MUNDIALISTA

A armada española de J80 será unha das que maior e máis destacada presenza terá no evento, xa que nalgunhas das tripulacións van algúns dos deportistas máis laureados da clase. Tres campións do mundo de J80 (Rayco Tabares, José María “Pichu” Torcida e Ignacio Camiño) estarán a competir en Baiona co obxectivo de tratar de revalidar título.

Na competición tamén haberá un escuadrón galego de altísimo nivel, no que destacan equipos como o do Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, campión de España da clase; e a tripulación do Kotablue-Mariña Coruña de Miguel Fernández Vasco, que durante os últimos anos sumou moi bos resultados tanto a nivel autonómico como nacional. Estarán tamén a nova promesa da vela galega Luís Bugallo no Marnatura de José Luis Freire; ou o histórico navegante vueltamundista Javier da Gándara.

DEPORTE, PROMOCIÓN ECONÓMICA E DESESTACIONALIZACIÓN TURÍSTICA

Os 80 veleiros que chegarán a Baiona para disputarse o mundial de J80 traerán á vila mariñeira galega algo máis que deporte. Aos preto de 400 deportistas que conforman a frota rexistrada para participar no campionato hai que sumar técnicos, adestradores, familiares e amigos… ao redor de 1.000 persoas que, sumadas tamén ao persoal de organización, implicarán un gran número de reservas hostaleiras e gastos en restauración.

Xunto co espectáculo deportivo, a desestacionalización turística e a promoción económica, o Mundial J80 Baiona 2023 e o patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, permitirán abrir as xanelas da comunidade gallga ao resto do mundo como un lugar no que a navegación, grazas ás características das súas rías, é posible durante todo o ano; e onde existen campos de regata con condicións idóneas para a celebración de grandes eventos, como este campionato do mundo ou as 52 SUPER SERIES, que o ano pasado elixían as Rías Baixas como escenario tras a proposta do Monte Real Club de Yates.

CALIDADE GASTRONÓMICA CON GALICIA CALIDADE

Uno dos principais atractivos que ofrecerá o Monte Real Club de Yates aos participantes no mundial virá da man de Galicia Calidade. No village da competición, situado nos xardíns do club, haberá diariamente degustacións de produtos dalgunhas das máis destacadas marcas e empresas galegas.

Estrela Galicia, Coren, Jealsa-Rianxeira, Torre de Núñez, Conservas Cortizo, Xamóns González, Rosa dos Ventos… ata un total de 20 firmas estarán presentes nas carpas instaladas no Monte Real para facer as delicias das tripulacións chegadas de diferentes partes do mundo.

UN MUNDIAL COMPROMETIDO MEDIOAMBIENTALMENTE
Tras unha primeira proba realizada con éxito nunha competición anterior, o Monte Real Club de Iates volve colaborar con Repsol no uso de combustibles renovables nas embarcacións pneumáticas que usarán os comités de regata. Son combustibles líquidos 100% renovables producidos a partir de residuos como o aceite de cociña usado, graxas animais ou residuos agrícolas e forestais que teñen cero emisións netas. Con esta medida, o Monte Real quere seguir traballando na redución da súa pegada de carbono.
- Publicidade -spot_img