spot_img
InicioAlto MinhoUn total de 4.000 mozos e mozas de Galicia e norte de...

Un total de 4.000 mozos e mozas de Galicia e norte de Portugal participaron no proxecto europeo “Emprende”

total-4.000-mozos-mozas-Galicia-norte-Portugal-participaron-proxecto-europeo-Emprende

A localidade lusa de Valença do Minho acolleu hoxe as III Xornadas da Xuventude Transfronteirizas, enmarcadas no proxecto europeo “Emprende (Mozos Emprendedores da Eurorrexión)”, que ten como obxectivo converter o Espazo de Cooperación Galicia – Norte de Portugal nun lugar atractivo para o asentamento e desenvolvemento de novas actividades económicas e empresariais por parte da mocidade, así como a creación de empresas e de emprego para os mozos e mozas de ambos lados da raia.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou nas III Xornadas da Xuventude Transfronteirizas en Valença do Minho

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou na súa intervención neste foro que dende o ano 2011, data de comezo de “Emprende”, “desenvolvéronse máis de 25 accións de promoción empresarial, participaron uns 4.000 mozos e mozas, creáronse ou apoiáronse máis de 35 pequenas e medianas empresas (PEMES) e xeráronse ou apoiáronse mais de 40 novos postos de traballo na nosa Eurorrexión”.

“Emprende” permitiu desenvolver máis de 25 accións de promoción empresarial, que crearon ou apoiaron a máis de 35 pequenas e medianas empresas (PEMES) da Eurorrexión

“Emprende” permitiu a captación de investimento, a xeración e maduración de ideas, elaboración de plans empresariais, colaborar na creación de empresas e achegar as ideas que xorden entre o mundo empresarial e o asociacionismo xuvenil.

Colaboración entre as dúas rexións
A directora xeral tamén quixo salientar a fluída colaboración entre os departamentos de xuventude das dúas rexións, que permitiu poñer en marcha proxectos conxuntos como Activa, Colabora, Mobilitas, Espazo Xuvenil ou Emprende, “que son sinónimos de traballo de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal desde o ano 2000, promovendo sinerxías, vías e saídas que propicien unha maior estabilidade económica para a mocidade, nunha aposta seria e formal a prol da xuventude de ambas beiras”.

- Publicidade -spot_img