O informe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra recomenda a tala dalgúns exemplares para garantir a seguridade das persoas
Ante o mal estado dalgúns dos tileiros da praza de España e para garantir a seguridade das persoas o Concello de Mondariz ordeou a tala dalgúns deles. Tendo en conta o estudo realizado pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra a empresa contratada realizou varias talas e podas no día de hoxe. A alcaldesa en funcións, Elena Naveira, adianta que o vindeiro ano cando os tocóns estean listos para ser arrincados procederán a plantar novos exemplares.
“Dende este goberno é a nosa intención conservar, coidar e prolongar o noso patrimonio natural, etnográfico e histórico pero é a nosa obriga facer todo o que estea nas nosas mans para garantir a seguridade da veciñanza e persoas que nos visitan por ese motivo na mañá de hoxe procedemos a sanear, tratar, podar e talar algunhas das árbores”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Tino Menéndez.
Seguindo as indicacións do informe desta entidade, emitido o 14 de xuño de 2023, a empresa procedeu á eliminación total de varios exemplares por risco real de fallo estrutural, Asemade, estase a ter en conta e avaliando in situ visualmente con técnica VTA, recoñecida a nivel internacional, outras posibles actuacións pertinentes en todos os exemplares e valorando a eliminación de ramas completas, partes importantes das ramas ou incluso do exemplar completo se se valorase que existe un risco real de fallo estrutural total.
Ao mesmo tempo, estase a facer un tratamento funxicida durante a poda nos cortes maiores a 4cm de diámetro que axuda a frear a entrada de fungos patóxenos e favorecer a cicatrización.
Acompañando a estas actuacións e como medidas profilácticas a empresa desinfecta as ferramentas dun exemplar a outro, e executando cortes o máis perfectos posibles, con ferramentas ben afiadas para que os cortes sexan limpos, sen esgazaduras, facendo os cortes de descarga pertinentes sempre que sexa necesario, todo elo para favorecer a súa cicatrización o máis rápidamente posible en función do vigor da árbore.
A empresa salienta que se atopa ante unha masa de árbores ornamentais paisaxísticas envellecida e cunha idade ontoxenética avanzada por moitas razóns, superior á cronolóxica e nun proceso de decadencia prematura, cunha serie de problemas derivados de podas realizadas hai máis de 15 anos que deron lugar á formación de estruturas en candelabro non axeitadas, podremias e outros problemas fisiolóxicos e estruturais, feridas de golpes físicos e outros danos derivados do uso da praza, etc.
Segundo explican isto implica que, pouco a pouco, estas árbores van entrar en proceso de decadencia irreversible e entrarán en fase de risco real.
Posteriormente, na primavera, cando os tileiros teñan a masa foliar nova formada, realizarase outro tratamento con funxicida sistémico e fertilizante foliar con aminoácidos esenciais no seguinte período de agromo na primavera por vía foliar. Esta actuación ten como obxectivo volver fortalecer as barreiras das árbores fronte a axentes patóxenos e suplir posibles carencias nutricionais a modo de complemento alimenticio, pois unha árbore con poucas carencias de nutrientes sempre será máis forte e terá unha resposta máis vigorosa na cicatrización e na resposta contra os axentes patóxenos que sempre están intentando colonizar a planta.
Todas estas actuacións van encamiñadas a manter a formación paisaxística dos tileiros da praza, alongar a súa vida, intentando garantir unha protección de cara ás persoas sobre todo, fronte a riscos reais, se puidese ser tamén fronte aos potenciais e desgraciadamente é imposible a protección fronte a riscos fortuítos, que forman parte do día a día da nosa vida e que son imprevisibles.