As augas do río Miño e as beiras dun lado e outro, de Tui a Valença, serán o escenario natural do espectáculo que abrirá a XI edición do IKFEM Festival Tui-Valença 2023
As augas do río Miño e as beiras dun lado e outro, de Tui a Valença, serán o escenario natural do espectáculo que abrirá a XI edición do IKFEM Festival Tui-Valença 2023.
Se xa se superou a sorpresa de ver e oir a 20 pianos soando ao unísono na Ponte Internacional, agora o desafío é aínda maior: Un piano flotante, acompañado dun violoncelo nun concerto/experiencia visual e sonora que navega entre a mini opera pop e a traxedia antiga. A obra titúlase “Dois sistemas solares”, creada pola artista Delphine Coutant, unha muller que se autodefine como ‘unha trobadora do século XXI’, poetisa, compositora, música… A súa obra nútrese dun forte vínculo coa natureza.
Do 20 ao 25 de xullo Tui-Valença converterase na capital cultural da península
Así o explicou esta mañá a directora do Festival, Andrea González, durante a rolda de prensa que tivo lugar en Santiago de Compostela e á que tamén asistiron algúns dos patrocinadores, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, os alcaldes de Tui e Valença, Enrique Cabaleiro e José Manuel Carpinteira, e Alfonso Louro, xerente da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.
Do 20 ao 25 de xullo Tui-Valença converterase na capital cultural da península cunha rica maridaxe de músicas de España, Portugal, Cabo Verde, Cuba e cunha mirada especial á lusofonía como lingua de converxencia de culturas.
Nomes propios de traxectoria como Vitorino Almeida, Katia Guerreiro ou Cremilda Medina compartirán escenarios de gran valor histórico, como a Fortaleza de Valença ou a Catedral de Tui, e alternaranse con voces máis emerxentes como Antía Muiño, recentemente galardoada polos Premios Martín Codax, ou coas innovadoras propostas musicais de Néboa, un mix de música tradicional galega e pop alternativo, un pop-folk con toques de electrónica.
Pero IKFEM sigue sendo fiel á súa propia alma e será o artista Abraham Martínez quen fará soar o maxestoso órgano barroco da Catedral de Tui.
Tamén na catedral e no Convento de Ganfei, en Valença, o organista Abraham Martínez, fundador da Fundación Alqvimia Misicae e a artista visual Beatriz Rivas, acompañados doutros músicos na percusión, saxo, órgano e voz, todos eles crearán, por primeira vez, experiencias únicas de música e artes visuais.
Noutra igrexa, a de San Domingos, o artista Daniel Pereira ofrecerá un concerto monográfico de Beethoven, cos seus catro míticas sonatas.
En liña coa súa diversidade, o IKFEM programará tamén o son e os ritmos caribeños, que chegarán da man de Pilar & Arabel Moraguez, cun concerto de canción cubana e a estrea dunha composición do artista caribeño Leo Brower.
Outra das novidades desta edición é o Encontro Geraçoes que reunirá a dúas xeracións e tres historias unidas pola música entre Galicia, Portugal e Brasil.
Os máis pequenos tamén terán a súa propia oferta musical co espectáculo Elektrofadas.
O Día de Galicia, o 25 de xullo o grupo Arume de Malvas ofrecerá un concerto de música tradicional galega.
Os encontros cos artistas e as masterclases terán lugar no Espazo Xove, nesta ocasión serán cinco ´balcóns IKFEM´, punto de encontro e diálogo sobre o emprendemento artístico, adicado fundamentalmente aos artistas nóbeles.
Convocatoria IKFEM CREATIVA
Entre as grandes novidades desta edición está a posta en marcha de IKFEM Creativa, un espazo vivo onde promocionar de maneira colaborativa o talento local galego e portugués: música, gastronomía, danza, moda, pintura, literatura, teatro, entre outras disciplinas. Este programa conta co financiamento da Axencia de Turismo de Galicia. Ademais dentro desta iniciativa se integra o Espazo Euroregional Creativo, financiado pola Interreg, a través da AECT de Galicia. Os interesados en participar poden desde xa inscribirense na páxina web do festival (www.ikfem.com).
A convocatoria estará aberta ata o 10 de xullo, tanto para creativos galegos como portugueses. De entre todos os rexistrados a organización realizará unha selección dos mellores creadores e seranlles asignados espazos de venda, exposición e demostración en vivo, poñendo todos os medios necesarios para cada actividade.






