Durante os dous próximos meses, e cunha cita semanal, o ciclo A lingua galega no cinema porá en valor a presenza do galego no sector audiovisual.
A través de seis sesións, a primeira delas mañá martes, búscase “reivindicar o uso do galego que, aínda que está tendo unha importancia crecente no eido do cine, non somos de todo conscientes da súa potencialidade”. Así o resumía a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, esta mañá no acto de presentación do ciclo, que conta coa colaboración de Deputación de Pontevedra e está coordinado polo director de cine galego de orixe italiana Simone Saibene. Este último salientaba que “o cine galego é unha etiqueta que inclúe moitos formatos, rexistros e linguaxes diferentes, pero a lingua é o que une todas estas vertentes. Por iso a razón de facer este ciclo é dar a coñecer o cine galego a través da lingua”.
Pola súa banda, a vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, lembrou que a lingua galega “ábrenos ao mundo para que tendamos pontes a espectadores de todos os recunchos do planeta, para que se acheguen ás nosas tradicións e a nosa cultura”, pero salientou que o seu uso tamén obedece á necesidade da sociedade galega de “contar a nosa propia historia, e facelo baseándonos nos nosos códigos, con pezas elaboradas por profesionais de aquí e contadas na nosa lingua”. En canto ao conxunto do programa, a vicepresidenta asegurou que participarán “algúns dos maiores expoñentes deste gran momento tanto a nivel creativo, como de recoñecementos como tamén comercial, para que poidamos coñecer un pouco mellor o que estes cineastas nos quixeron contar a través da pantalla”.
Como avanzaba a vicerreitora de Extensión Universitaria, o ciclo, que terá unha segunda parte en outono, divídese en bloques temáticos, un sobre literatura, outro sobre historia, outro centrado na animación e un último nas curtametraxes. En cada sesión proxectarase unha película e terá lugar un debate con algún dos profesionais vencellados á mesma. Todas as xornadas terán lugar ao longo deste mes (2, 9, 23 e 30) e do próximo mes de maio (2 e 9), ás 19.00 horas, no auditorio da sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas (edificio Cambón) con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.
O mellor momento do cinema galego
No acto de presentación, que tivo lugar na sede da Deputación en Vigo, o director e produtor Simone Saibene salientaba “o momento histórico” que está a vivir o cinema galego, con “resultados incribles, sobre todo, nos últimos dous ou tres anos”. Entre outros fitos, referiuse ao récord de películas galegas na carteleira do cinema comercial en 2022, á estrea de tres películas galegas (Samsara, Matria e Sica) na Berlinale de 2023 ou á Cuncha de Ouro do festival de San Sebastián para O Corno, que ademais tivo máis de 50.000 espectadores en salas de cine. “Por todo isto”, recalcaba, “este é un momento incrible para o audiovisual galego, e non só no referido ao cinema de ficción, senón tamén para o documental, a animación, as series, os videoclips, etc.”
Mañá martes, a primeira cita
O ciclo arranca mañá martes e farao cun primeiro bloque sobre a lingua da literatura. Nesta primeira xornada proxectarase Os espazos en branco, de Bruno Arias, unha peza na que o director trata de recuperar a memoria da súa tía, a poetisa Xela Arias, que faleceu cando el tiña 5 anos e á que apenas lembra. Tras a proxección abrirase un debate co propio director.
A segunda sesión do ciclo, o 9 de abril, seguirá centrándose na literatura, desta volta con Pelerinaxes, cinta dirixida polo propio Simone Saibene, na que a protagonista, Luzía (Carmen Méndez), percorre as oito etapas da pelerinaxe que fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey a pé dende Ourense cara a Santo André de Teixido en 1927. Nesta sesión estará intervirá o director, Simone Saibene.
A terceira xornada, o 23 de abril, terá a historia como protagonista, e nela proxectarase A illa das mentiras, de Paula Cons, que narra o rescate dos pasaxeiros do buque Santa Isabel que se afundiu en 1921 na illa de Sálvora. Victoria Teijeiro, actriz, será a convidada.
A animación será o eixo doutras dúas sesións, o 30 de abril e o 2 de maio. Na primeira delas proxectarase O soño da Sultana, de Isabel Herguera, coa presenza da súa produtora, Chelo Loureiro, mentres que na segunda terá lugar unha mesa redonda sobre o cinema de animación en galego contemporáneo coa participación de Chelo Loureiro (produtora), Alberto Vázquez (director), Severiano Casalderrey (programador de Imaxinaria), David Fidalgo (director) e Pamela Poltronieri (directora de animación). Modera: Simone Saibene (director e crítico de cinema).
A derradeira xornada do ciclo A lingua galega no cinema terá lugar o 9 de maio, cunha sesión dedicada ás curtametraxes, na que se proxectarán Xoves de comadres, de Noemí Chantada; Mentres iso pasa, de Nacho Ozores; Sandwich Cat, de David Fidalgo; A rabia, de Alberto Díaz e Nena, de Xosé A. Touriñán. No debate posterior participarán as directoras e directores xunto con Simone Saibene e Severiano Casalderrey.