spot_img
InicioVigo e áreaVigoUltraluz, A Movida Literaria e Culturgal, súmanse á oferta cultural da Deputación...

Ultraluz, A Movida Literaria e Culturgal, súmanse á oferta cultural da Deputación de Pontevedra na sede viguesa de Eduardo Chao

Ultraluz, A Movida Literaria e Culturgal, súmanse á oferta cultural da Deputación de Pontevedra na sede viguesa de Eduardo ChaoA vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, presentou as novas incorporacións á programación viguesa da institución provincial, con 22 nomes propios da cultura e 9 actuacións que manterán unha intensa actividade con entrada libre

Revista Cousas De Nº19

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, presentou esta semana a nova aposta da Deputación de Pontevedra para a sede viguesa da institución provincial con tres programas que se suman á oferta cultural. Ultraluz, A Movida Literaria e Culturgal incorpóranse ao calendario dos vindeiros meses de novembro e decembro, con 22 nomes propios da cultura e 9 actuación que manterán unha intensa actividade na rúa Eduardo Chao do Casco Vello vigués con entrada libre.

A responsable provincial, quen compareceu ante os medios acompañada pola escritora Ledicia Costas, o director de Culturgal, Camilo Franco, e Pablo Vázquez en representación de A Movida, destacou que este ciclo é tan importante polo seu contido como polo fondo, pois recordou que un dos obxectivos irrenunciables da Deputación é o de recuperar para Vigo “o seu papel como referente cultural”.

Neste sentido, referendou o compromiso do Goberno provincial de exercer de catalizador dunha cidade que, dixo, “sendo berce da Movida dos anos 80, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural”.

Segundo detallou, a proposta defínese polo “talento artístico e a diversidade” dunha aposta que, nas súas propias palabras, “non pretende ser un espectáculo de masas, senón dirixirse a todos os públicos cun deseño que transita entre a literatura, a poesía, a música, o debate ou a interpretación”.

Este ciclo iniciarase con A Movida Literaria, este xoves ás 19.30 horas. Inma López Silva, Francisco Castro, Mª Xosé Porteiro, Pedro Feijóo e Rexina Vega participarán na sede viguesa da Deputación provincial nun coloquio sobre novela negra e social. Co mesmo formato, o 29 de novembro será a quenda de Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez e Manuel Esteban, que establecerán un diálogo sobre a literatura infantil e xuvenil, a partir das 19.30 horas.

Con ocasión desta presentación, Tapias aproveitou para felicitar novamente a A Movida con motivo do seu quinto aniversario. Media década de xornalismo cultural no que, dixo, “vos fixestes imprescindibles como prescriptores culturais de referencia na cidade”.

Sobre Ultraluz, sinalou que o tándem formado por Ledicia Costas, unha das escritoras galegas máis laureadas, traducidas e reeditadas, e Amaro Ferreiro, compositor de recoñecido prestixio e talento, “é unha aposta segura”. “Ambos os dous levarannos ao bosque de Ultraluz, nunha viaxe sensorial, unha experiencia artística exquisita que dá vida á obra de Ledicia, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación”, anotou. Un espectáculo que terá lugar na sede viguesa da Deputación o 19 de decembro en Vigo, ás 20.00 horas, e ao día seguinte no Museo Provincial de Pontevedra.

Para terminar, o 23 e 24 de novembro, en tres sesións cada día ás 6, 7 y 8 da tarde, a sede de Eduardo Chao no Casco Vello vigués acollerá da man de Culturgal unha combinación perfecta entre literatura, poesía e música. A este respecto, a vicepresidenta primeira da Deputación incidiu en que “esta feira, escaparate das culturas galegas e de recoñecido prestixio, tiña que ter a súa réplica en Vigo”.

Así, na primeira xornada Alba Garrido e Iría Morgade charlarán sobre memoria histórica, ás que seguirán os recitais poéticos de Iolanda Zúñiga e Velpister, para rematar coa música de Catuxa. Ao día seguinte, catro Premios Xerais falarán de literatura, María Lado demostrará que “Non fai falta ler poesía”, e Leilía encargarase do peche deste Culturgal estendido con motivo da súa xira de despedida, “Voume, pero non me vou”.

“Dixemos que a Cultura ía ser unha pedra angular na xestión desta nova Deputación, e lonxe de ser unha simple declaración de intencións, este ciclo cultural que acabamos de presentar hoxe comeza a darlle forma”, sinalou a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra. Antes insistiu en que “Vigo ten un potencial cultural inmenso, que hai que coidar, atender e mimar, porque ata agora non se facía”.

Nesta liña, Fernández-Tapias reiterou o seu compromiso de “traballar intensamente para devolver a cultura viguesa ao lugar que se merece, o que ocupaba nos anos 80”, ao que engadiu que “a cultura non debe ser unha cuestión de ideoloxía senón de vontade, toda por parte desta Deputación”.

- Publicidade -spot_img