Turismo de Galicia impulsa novas axudas para a renovación de establecementos e amplía as subvencións para os concellos

turismo-galicia-impulsa-novas-axudas-renovacion-establecementos-e-amplia-as-subvencions-os-concellosA directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en rolda de prensa as novas liñas de axudas do seu departamento para o ano 2018, que superan en conxunto os 5 millóns de euros.

Trátase de oito programas de subvencións dirixidos ao sector turístico da Comunidade, ás entidades locais e a diversos colectivos que inclúen numerosas novidades e amplían o alcance da pasada edición.

Unha das novas apostas da Xunta de Galicia será o plan de renovación de establecementos de aloxamento, cun investimento de 500.000 euros dirixido a estimular, con ata o 35% do custo, a remodelación e modernización das súas instalacións, o que incrementará a calidade do servizo que prestan. Serán subvencionables accións de mellora de accesibilidade, a favor da excelencia ou de aforro enerxético a prol da sustentabilidade ambiental, entre outras.

No eido privado, tamén se incentivará a cooperación entre pequenos operadores, de xeito que deseñen e comercialicen produtos turísticos innovadores conxuntamente. A súa oferta deberá basearse en produtos que diferencian e enriquecen a Galicia como destino, como o Camiño de Santiago, a natureza, os balnearios, a enogastronomía, o turismo mariñeiro, a ruta das camelias, faros e praias salvaxes, patrimonio oculto ou santuarios máxicos. Tamén produtos dirixidos ao público familiar, ao turista sénior, unha oferta para xornadas de choiva, produtos temáticos para fins de semana ou centrados nos diferentes núcleos históricos.

Máis colaboración coas entidades locais

Para afondar na colaboración coa administración local, Turismo de Galicia amplía os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros. A liña para melloras nas súas infraestruturas incrementase en 1 millón de euros ata os 2,5 millóns. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, agora pasan a ser fondos propios.

Máis de 200 entidades locais beneficiáronse deles nos dous últimos anos. Agora, amplíanse os conceptos subvencionables, pois ademais de sinalización e accesibilidade dos recursos, incluiranse actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural (BIC) xa declarados ou en proceso de selo e iniciativas de posta en valor turístico.

O apoio dos concellos ás 117 festas de Interese Turístico de Galicia, a súa promoción e difusión tamén forman parte das novas liñas de axuda presentadas hoxe por Nava Castro. Igualmente, as subvencións para os 47 concellos declarados municipios turísticos de Galicia, de xeito que podan reforzar o persoal das súas oficinas de turismo de xuño a setembro.

Premios Galicia Parabéns

Finalmente, esta ambiciosa convocatoria de axudas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 23 de xaneiro ao 2 de febreiro, complétase coa cuarta edición dos Premios Camiño de Santiago, dirixidos a entidades locais, asociacións xacobeas, pemes, centros de ensinanza básica e investigadores; e coa segunda e terceira edición dos Premios Galicia Parabéns, tamén dirixidos aos concellos en recoñecemento ás súas iniciativas de mellora, de conservación e de embelecemento das súas paisaxes e os seus núcleos de poboación.

Estes últimos contan con dúas categorías complementarias. A primeira premia iniciativas ou actuacións realizadas na última década para acadar unha mellora da paisaxe, integración adecuada de elementos como estradas, industrias ou canteiras ou a propia mellora estética. A segunda categoría recoñece os mellores proxectos de revalorización e embelecemento. O seu orzamento será de 200.000 euros para 2018 e 600.000 euros máis para o próximo ano.

“Desestacionalizar e diversificar”

Como sinalou Nava Castro, con todos este fondos, que superan os 5 millóns de euros, se busca “facer de Galicia un destino cada vez mellor, máis competitivo e de maior calidade”. “Queremos seguir afondando na desestacionalización da demanda e a diversificación da nosa oferta, de xeito que todos os galegos poidan experimentar os beneficios económicos, sociais e culturais que a actividade turística pode supoñer”, afirmou a directora de Turismo.

Despois dun ano 2017 “formidable” no cuantitativo e no cualitativo, estas subvencións “dan continuidade a programas de grande éxito en convocatorias pasadas, crean outras novos e aumentan a contía e o alcance dos existentes” para, como declarou Nava Castro, continuar avanzando cara aos obxectivos plasmados na Estratexia do turismo de Galicia 2020.

Please follow and like us:
Tags:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies