A pouco máis dun mes para que se celebre a Festa da Arribada 2015, Baiona dá o último empuxón á promoción do seu evento máis popular. Para iso creouse un anuncio promocional, dispoñible en varios idiomas, que se divulgará a través das redes sociais.
O anuncio publicita a festa dunha forma innovadora e rechamante, facendo unha comparativa de como se propagou a noticia do Descubrimento a través da rede social Twitter.
Ademais de en castelán, o vídeo difundirase en inglés e francés, para conseguir a mellora do posicionamento desta festa máis aló das nosas fronteiras, posto que o concello continúa traballando para conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
O anuncio tamén será proxectado este venres na caseta que Turismo de Galicia terá na Feira Internacional de Turismo “Fitur” que se celebrará en Madrid.
Doutra banda, nos próximos días divulgarase o anuncio promocional de Turismo de Baiona subtitulado en portugués, francés e italiano. Ademais comezarase cunha campaña promocional, vía redes sociais, en Inglaterra, Francia e Italia, que pretende dar a coñecer Baiona como referente turístico no norte de España e captar a turistas procedentes destes lugares.
Para visualizar os vídeos: https://www.youtube.com/user/turismobaiona/videos
Máis información: Turismo de Baiona. Tel. 986 38 59 24; turismo@baiona.org