spot_img
InicioBaixo MiñoTomiño entregou máis de 2.600 árbores para encher os montes de vida...

Tomiño entregou máis de 2.600 árbores para encher os montes de vida autóctona

tomino-entregou-mais-de-2-600-arbores-para-encher-os-montes-de-vida-autoctonaO Concello de Tomiño segue traballando para facer de Tomiño un municipio máis verde e sustentable.

Revista Cousas De Nº20

Tras a grande acollida de anos anteriores, o Goberno municipal pon en marcha a terceira edición de ‘Enche o teu monte de vida autóctona’, unha campaña a través da que se entregará planta forestal frondosa e autóctona á veciñanza para contribuír a repoboar as 900 hectáreas das franxas secundarias de xestión da biomasa, é dicir, aquelas parcelas que se atopan dentro dos 50 m dende o límite de solo do núcleo ou ata 50 m dende unha casa illada.

“Queremos colaborar para crear un anel verde arredor dos núcleos de poboación tomiñeses que permita non só a mitigar os efectos dun posible incendio forestal, senón que tamén favoreza a diversificación dos usos do monte e axude a paliar os efectos que o cambio climático ten sobre as nosas vilas”, destaca a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Nesta ocasión repartiranse 1.800 árbores que se sumarán aos máis de 2.600 exemplares como cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros entregados durante as dúas primeiras edicións desta campaña.

Como salienta Ana Belén Casaleiro, esta iniciativa permitirá ao Concello “seguir achegando o noso gran de area, non só concienciando á veciñanza da importancia e dos beneficios de plantar especies frondosas autóctonas, senón tamén ofrecendo alternativas e recursos para repoboar estas zonas nas que as e os propietarios tiveron que cortar os exemplares que tiñan plantados”.

As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello interesadas en adquirir estas frondosas poderán informarse e solicitar os tíckets das plantas de forma presencial no Departamento de Medio Ambiente de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h, chamando ao número de teléfono 986 62 20 01 (extensión 6) ou enviando un correo electrónico a tecnica.medioambiente@tomino.gal.

O persoal técnico do departamento entregará os vales para ir recoller as árbores a un lugar acondicionado, logo de comprobar a través de fotografías que a parcela da persoa propietaria está limpa conforme recolle a lei. O número de frondosas entregadas a cada titular dependerá do tamaño da parcela, xa que se entregará unha planta por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias.

O Concello anima a todas as persoas propietarias a participar nesta campaña que permitirá repoboar os montes tomiñeses con planta autóctona. Dende o Departamento de Medio Ambiente lembran que as novas especies frondosas deben plantarse a máis de 15 metros das vivendas, a 2 metros dos lindeiros e camiños públicos e a 4 metros de estradas de máis de 5 metros de ancho.

- Publicidade -spot_img