Reducir a pegada ambiental e optimizar a xestión do viñedo son os retos que se marca Terras Gauda formando parte do consorcio europeo de 16 empresas e oito grupos científicos que impulsa FlexiGrobots
Terras Gauda finalizou con éxito a primeira proba do proxecto de cooperación internacional de robótica, intelixencia artificial e big data, que se desenvolveu coincidindo coa vendima. O viñedo do Rosal foi o campo piloto elixido en España para realizar este ensaio, que consistiu en comprobar como o sistema de robots deseñado no marco de FlexiGrobots complementa e serve de apoio ao labor que están a realizar os vendimiadores no momento clave do ano para a adega. A demostración do seu correcto funcionamento nunha contorna real é o primeiro paso para continuar avanzando neste proxecto de tres anos de duración.
Grabación realizada polo dron durante o ensaio
A verificación realizouse co apoio de drons, que facilitaron imaxes aéreas en tempo real sobre o estado sanitario das parcelas e dos acios. Nunha próxima fase, está previsto que os robots terrestres, equipados con sensores e visión artificial, poidan ser programados para acudir aos lugares concretos nos que hai que intervir, unha vez que ratifiquen que a información e as imaxes recibidas son correctas.
Unha das principais vantaxes da utilización de robots de observación vitícola é que a aplicación de tratamentos localizados permitirá, entre outras cuestións, reducir a pegada ambiental e xerar impacto positivo na conservación da contorna.
O emprego da robótica no viñedo permite acurtar os tempos e iniciar con maior rapidez os procesos que se seguen para a elaboración dos viños, o que redunda nunha mellor calidade. Unha das súas funcionalidades é o traslado das caixas coas uvas xa colleitadas polos vendimiadores desde as liñas de espalderas ata a cabeceira, onde as recolle un remolque para o seu traslado á adega. Así mesmo, incide positivamente na prevención de riscos laborais, xa que reduce o peso da carga aos traballadores. Neste sentido, o obxectivo que se persegue é a coordinación e perfecta interactuación entre o robot e o equipo humano.
“O noso interese é aplicar a ciencia á viña para mellorar en sustentabilidade e eficacia, combinando o bo facer e a profesionalidade do equipo humano coas posibilidades que nos achegan a intelixencia artificial, a robótica e o big data en canto a innovación e eficiencia. Con este obxectivo incorporámonos como socios deste consorcio internacional que impulsamos 16 empresas e oito grupos científicos de España, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Alemaña, Lituania, Serbia e Letonia”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Terras Gauda.
O proxecto está liderado por ATOS e financiado con 7 millóns € polo programa marco europeo Horizonte 2020. O consorcio internacional traballa na actualidade en perfilar unha ferramenta que permita realizar operacións coa máxima precisión, de forma moi delimitada, para poder adoptar decisións inmediatas baseadas na evidencia dos datos. A interrelación e interpretación destes datos obtidos mediante intelixencia artificial é de gran valía xa que proporcionará coñecementos moi exactos sobre os estados da vide e dos diferentes terreos para determinar cales son os coidados precisos en cada momento.
“En Terras Gauda contamos con 160 hectáreas de viñedo propias, con parcelas moi diferenciadas, nas que cultivamos tres variedades autóctonas: Albariño, Caíño Blanco e Loureiro. Ter toda esta información significa un importante avance na optimización de recursos e unha mellora da sustentabilidade ambiental e da calidade da uva para a produción”, sostén Emilio Rodríguez Canas.
Bodegas Terras Gauda está comprometida con preservar o seu legado vitivinícola, poñer en valor as variedades autóctonas e crear viños de marcada singularidade, apegados ao terruño. Apostar polo I+D+i sempre foi o camiño elixido para a diferenciación. Con presenza en máis de 60 mercados internacionais, o seu buque insignia é Terras Gauda. Tamén elabora o 100% Albariño Abadía de San Campio, Terras Gauda Etiqueta Negra e A Mar, con Caíño Blanco, unha variedade queprácticamente desaparecera e que a adega recuperou grazas a un proxecto de investigación.
Participaron o presidente do Grupo Terras Gauda, José Mª Fonseca Moretón, o CEO, Enrique Costas Rodríguez, e o director enolóxico, Emilio Rodríguez Canas. Tamén asistiron Ángela Ribeiro, investigadora científica do CSIC no Centro de Automática e Robótica de Madrid CAR, Joao Valente, profesor en UAVs (drons), Robótica e Intelixencia Artificial na Universidade de Wageningen (Holanda) e Sergio Álvarez, Project Manager no departamento de Consultoría e Software de Seresco.