
O Real Club Náutico de Sanxenxo, líder do comité organizador en 2022, será sede este sábado día 12 da primeira proba do circuíto
Comeza por fin unha nova edición da Regata Interclubes Ría de Pontevedra. Este próximo sábado, día 12 de febreiro, o Real Club Náutico de Sanxenxo será o encargado de dar o primeiro bocinazo de saída para unha regata costeira da que sairán os primeiros líderes de cada unha das categorías participantes: Clase 1 Froiz, Clase 2 Abanca, Clase 3 Open North Sails, Clase 4 Murimar Seguros, Solitarios e A Dous Opticalia Campelo e Clásicos e Veteranos Jesús Betanzos. Esta primeira etapa das seis programadas será tamén puntuable para o Trofeo Nauta Sanxenxo.
A día de hoxe os partes meteorolóxicos vaticinan unha xornada de ventos suaves do sur-suroeste de entre seis e oito nós de intensidade. Con estas condicións, o Comité de Regatas conta con poder completar un percorrido de entre oito e trece millas, saíndo desde Sanxenxo para dirixirse a continuación ata Picamillo e posteriormente, en función da categoría, Camouco e Mourisca, aínda que todo dependerá de se se cumpren finalmente as previsións.

Polo momento son xa unha trintena os equipos que confirmaron a súa participación na regata de cruceiros máis esperada da tempada de inverno, e todo apunta a que a frota seguirá sumando barcos ao longo das próximas horas. Este ano, ademais, a regata confirma novas incorporacións das rías de Vigo e Arousa -como o “Ares” do C. N Boiro e o “ Secolite” do Monte Real Club de Yates de Baiona- e un equipo desprazado desde Portugal, o “Javitudo” do Clube de Vela Atlántico. Xunto a eles non faltarán na liña de saída a maioría das tripulacións que participan cada ano na cita e moitos dos que aspiran a revalidar o triunfo da pasada edición.
O comezo da regata, o sábado a partir das 14:30 horas nas inmediacións do Real Club Náutico de Sanxenxo. Antes, ás 12:00 horas, autoridades e patrocinadores reuniranse no club para o acto de inauguración.
A 8ª Regata Interclubes da Ría de Pontevedra está organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo, a Comisión Naval de Regatas, o Club Náutico de Portonovo, o Real Club de Mar de Aguete, o Club Náutico Beluso e o Ro Yachts Club de Combarro, contando coa organización técnica de Desmarque e a colaboración dos concellos de Sanxenxo, Marín e Poio xunto con Nauta Sanxenxo, Murimar Seguros, Abanca, North Sails, Froiz, Opticalia Campelo, Efectos Navais Jesús Betanzos e Landín Informática.
PROGRAMA DE REGATAS
– Sábado, 12 de febreiro – 1ª PROBA (RCN Sanxenxo)
– Sábado, 19 de febreiro – 2ª PROBA ( CN Portonovo)
– Sábado, 5 de marzo – 3ª PROBA ( CN Beluso)
– Sábado, 12 de marzo – 4ª PROBA ( Ro Yachts Club)
– Sábado, 26 de marzo – 5ª PROBA ( RCM Aguete)
– Sábado, 2 de abril – 6ª PROBA ( CNR da Escola Naval de Marín)
Fotografías de arquivo da última edición da Regata Interclubes. © Desmarque



