spot_img
InicioGaliciaCompostelaSantiago de Compostela acolle o IX Simposio Internacional de Historia Comuneira

Santiago de Compostela acolle o IX Simposio Internacional de Historia Comuneira

https://www.cousasde.com/revista-cousas-de-no15/O evento académico, ao que asisten historiadores de diferentes entidades, versará sobre “Estranxeiros e dereitos de estranxeiría nas Cortes de Santiago de 1520”. Celébrase en homenaxe á doutora Manuela Mendonça.

Revista COUSAS DE Nº15

Esta mañá tivo lugar no antigo hospital de San Roque (Santiago de Compostela) a inauguración do IX Simposio Internacional de Historia Comuneira “Estranxeiros e dereitos de estranxeiría nas Cortes de Santiago de 1520”, que se desenvolverá entre hoxe e mañá.

Está organizado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, CSIC-XuGa) coa colaboración da Universidade de Valladolid (Uva) e dirixido porAmparo Rubio Martínez, científica titular do CSIC e vicedirectora do IEGPS, e por István Szászdi León-Borja, profesor contratado coctor da área de Historia do Dereito e das Institucións da Universidade de Valladolid.

O Simposio, que se enmarca no conxunto de actividades realizadas polo grupo de investigación do IEGPS “Historia social do poder desde a Idade Media”, ten como obxectivo analizar o estatuto xurídico dos Estranxeiros na Coroa de Castela nas primeiras décadas do século XVI.

“A actitude crítica ante os estranxeiros e especialmente contra os cortesáns chamados “flamencos”, aos que se atribuía un proxecto de deshispanización política e económica da sociedade castelá, centrou o debate nas Cortes de Santiago de 1520. A petición de novos servizos extraordinarios, a aceptación da marcha do Rey dos reinos hispánicos, a entrega do goberno a un vicerrei estranxeiro e as concesións repetidas de oficios e beneficios aos flamencos foron, entre outros, os argumentos esgrimidos polos procuradores das cidades castelás que non se dobregaron á vontade real. Por outra banda, a unión persoal de Reinos que tivo lugar coa chegada ao trono de Carlos de Habsburgo, expuxo un novo problema: o status dos vasallos que non eran naturais do reino de Castela, aos que se outorgaban as controvertidas cartas de natureza que os casteláns se negaron a aceptar. Nesta difícil situación, o gran debate sobre o futuro da Coroa de Castela tivo lugar en 1520 en Santiago de Compostela, á sombra do Patrón das Españas, un lugar que xa fora espazo de encontros políticos relevantes na Baixa Idade Media e que serviu de sede para a celebración das Cortes nos momentos previos á guerra das Comunidades de Castela”, explican Amparo Rubio Martínez e István Szászdi León-Borja.

“A doutora Manuela Mendonça, á que se dedica o Simposio, é profesora da Universidade de Lisboa e directora da Academia Portuguesa dá História, institución na que levou a cabo un gran labor de dinamización e integración dos distintos países que compoñen a lusofonía, especialmente no marco das nacións mediterráneas”, destaca Amparo Rubio Martínez.

 

O acto inaugural do evento estivo a cargo de Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor vinculado ad honorem ao IEGPS. A continuación, comezou o desenvolvemento do Simposio cos sucesivos relatorios que terán lugar hoxe e mañá e que estarán impartidas por recoñecidos especialistas de distintas universidades e Organismos Públicos de Investigación (OPI). Entre outros temas, abordarase o estatuto dos estranxeiros no século XVI; os estranxeiros en Castela á chegada de Carlos V ou nas dietas imperiais ou as Cortes como expresión de descontento urbano.

Por parte do IEGPS os relatorios estarán a cargo de Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, quen disertará sobre a nobreza galega ao redor de 1520, e de Amparo Rubio Martínez, quen falará sobre as Cortes de Santiago en 1520 e o papel dos estranxeiros no financiamento das viaxes á Especiería.

- Publicidade -spot_img