spot_img
InicioGaliciaSanidade aposta pola prevención, o diagnóstico precoz e a integración social dos...

Sanidade aposta pola prevención, o diagnóstico precoz e a integración social dos afectados como piares na loita contra o VIH/Sida

sanidade-aposta-pola-prevencion-o-diagnostico-precoz-e-a-integracion-social-dos-afectados-como-piares-na-loita-contra-o-vihsidaA Consellería de Sanidade conmemora o Día Mundial da Sida, afirmando que coas políticas de saúde pública e a colaboración de todos, un futuro sen Sida é posible. Neste senso, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña centra as súas prioridades na prevención da transmisión sexual do VIH, en sinerxía coa prevención das outras infeccións de transmisión sexual -ITS-, no diagnóstico precoz das persoas infectadas que descoñecen a súa infección e a integración social dos afectados -o lema para o día mundial da sida 2015 é precisamente “Sen estigma”-.

En Galicia estímase que de 7.000 a 8.000 persoas son portadores desta infección e actualmente a incidencia é de estabilización con arredor de 200 infeccións por ano

Nos máis de 30 anos de VIH/Sida en Galicia acadáronse importantes logros no que se refire ao aumento da esperanza e da calidade de vida destas persoas, á diminución do número de casos e tamén a nosa sociedade diminuíu as prácticas de risco, pero quedan moitos retos pendentes: a infección polo VIH continúa a ser un dos principais problemas de saúde e o tratamento cronifica a infección pero non é curativo nin dispoñemos de vacinas, polo que a prevención segue sendo prioritaria.

Probas rápidas
A infección polo VIH continúa a ser un permanente desafío para os sistemas sanitarios e a sociedade en xeral. Tras unha primeira etapa de mortalidade elevada, a partir de mediados da década dos anos 90, a terapia antirretroviral deu un cambio espectacular á epidemia, diminuíndo a mortalidade de maneira moi importante e aumentando a esperanza e calidade de vida das persoas afectadas. No noso medio está garantido o acceso ao tratamento antirretroviral pero é un reto acadalo para todas as persoas afectadas polo VIH/Sida no mundo.

Nos países da nosa contorna seguimos diagnosticando tarde a infección nunha porcentaxe moi numerosa de pacientes, sobre todo asociados á transmisión por prácticas sexuais non seguras. Os problemas do diagnóstico tardío son moi importantes: provoca prexuízos individuais (iníciase o tratamento máis tarde o que orixina peor prognóstico), prexuízo poboacional (favorece a diseminación da infección), e maiores custes xa que está asociado a maior número de ingresos hospitalarios.

Para mellorar o diagnóstico precoz, a Consellería de Sanidade recomenda a realización da proba de VIH a todas as persoas con prácticas de risco e, naquelas situacións nas que se sospeite que poda haber risco de infección, puxo en marcha, dende finais de 2011, as probas rápidas de detección do VIH baixo tres premisas: son accesibles, anónimas e gratuítas. Trátase de probas sinxelas, realizadas de xeito anónimo a persoas de colectivos con especiais dificultades.

Entre xuño de 2011 e novembro de 2015 fixéronse 3.133 probas, e o 1,5% (é dicir, 48 probas) resultaron positivas

Patrón epidemiolóxico
Actualmente, en Galicia a situación da infección polo VIH é a de estabilización con arredor de 200 casos anuais, e continúa por baixo dos valores medios do Estado.

Paradoxicamente, grazas ao tratamento antirretroviral, prodúcese un aumento no número global de persoas que viven con esta infección debido ao incremento da súa esperanza de vida, estimándose que dos 150.000 afectados en España entre 7.000 e 8.000 son de Galicia, polo que non podemos baixar a garda ante este importante problema sanitario.

O patrón epidemiolóxico predominante na transmisión do VIH en Galicia é claramente a vía sexual, cun 77% dos casos entre os anos 2004 e 2014. A transmisión da infección entre homes que teñen sexo con outros homes -HSH- continúa sendo a categoría máis significativa, cun importante aumento ano a ano. Así, entre os homes un 49% infectáronse por prácticas sexuais non seguras entre HSH, fronte un 28% de casos nos que a infección se adquire por relacións heterosexuais de risco, e un 19% nos que a vía de transmisión é a de compartir materiais de inxección de drogas. Con respecto ás mulleres, as prácticas de risco máis importantes son a transmisión heterosexual por prácticas sexuais non seguras nun 76% e nun 17% por compartir materiais para inxectarse.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.