A ministra de Fomento, Ana Pastor, presentou hoxe na Coruña o balance da actividade desenvolvida pola Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima ao longo do ano 2015. Pastor explicou que un total de 15.566 persoas recibiron o ano pasado o auxilio das diferentes unidades de Salvamento Marítimo nas costas de toda España.
Durante o acto de presentación, na base do Helimer 401 no aeroporto de Alvedro, a titular de Fomento felicitou persoalmente á tripulación que efectuou o arriscado rescate dos once tripulantes do pesqueiro Novo Jundiña, a noite do 10 de xaneiro, e anunciou a solicitude da medalla da Orde do Mérito Civil para eles.
A ministra de Fomento resaltou na súa intervención o labor dos 1.500 traballadores de Salvamento Marítimo que conseguiron situar a este servizo como un referente en Europa.
Actividade de Salvamento Marítimo en 2015 en toda España
Salvamento Marítimo coordinou o rescate, asistencia ou procura de 15.566 persoas (unha media de 43 ao día) nas 5.462 actuacións marítimas (15 de media ao día) atendidas en toda España ao longo de 2015, o que supón un aumento do 8% con respecto ao ano anterior.
A maior parte da actividade en 2015 estivo relacionada co salvamento de vidas na mar -en concreto 4.437 actuacións-, outras 669 intervencións dirixidas a garantir a seguridade marítima e 356 relacionadas coa protección do medio ambiente mariño.
Buques implicados
Nas 5.462 emerxencias atendidas víronse implicados 3.991 buques (55% buques de recreo, 15% pesqueiros e 11% mercantes). O 19% restante corresponde a outros tipos de buques, entre os que se atopan as pateras.
O resto de actuacións nas que non se viron involucrados buques (1723 dun total de 5462) corresponden a asistencias en actividades recreativas como surf, windsurf ou submarinismo, así como caída de persoas ao mar desde terra, rescate en cantiis, etc.
Inmigración irregular
Ademais, Salvamento Marítimo coordinou de asistencia a 6.955 persoas procedentes de 505 pateras. Destas, os medios de Salvamento Marítimo rescataron un total de 4.232 persoas, que foron trasladadas a portos españois. O resto foron rescatadas por medios marroquís e trasladadas a Marrocos.
Control do tráfico marítimo
Por outra banda, o número total de buques controlados polos 20 centros de Salvamento Marítimo foi de 312.141, dos cales 145.015 corresponden a buques identificados ao seu paso polos Dispositivos de Separación de Tráfico de Finisterre, Tarifa e Cabo de Gata e Canarias Oriental e Occidental. Os outros 167.126 buques controláronse nas entradas/saídas dos portos españois.