·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaSae a luz unha muralla de seis metros de ancho a catro...

Sae a luz unha muralla de seis metros de ancho a catro de alto no xacemento de Penas do Castelo

 Sae a luz unha muralla de seis metros de ancho a catro de alto no xacemento de Penas do CasteloOs restos apareceron no marco dos traballos impulsados pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, a Comunidade de Montes e a Asociación Veciñal de Salcedo

A campaña arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia, en colaboración co Concello do Brollón, a Comunidade de Montes e a Asociación Veciñal de Salcedo, vén de sacar á luz unha muralla de seis metros de ancho e catro de alto.

O achado descubriuse no marco dos traballos financiados polo Goberno de Galicia para afondar no estudo desta muralla, que xa antes de escavar resultaba monumental e nun estado de conservación excepcional. A estrutura está acompañada ademais dun sistema de foxos escavados na rocha de enorme tamaño e espectacularidade, reforzado este efecto pola situación acrobática do xacemento, pendurado sobre o río Lor.

Sae a luz unha muralla de seis metros de ancho a catro de alto no xacemento de Penas do Castelo

Así, o obxectivo dos arqueólogos era dar coas dúas caras da muralla para poder ter unha sección da mesma e poder comprender o seu sistema construtivo, ademais de deixar un recurso moi visual para as visitas. Neste senso, os técnicos traballaban cunha estimación de tres metros de ancho, mais ao pouco de comezar a escavar déronse conta que debían ampliar a sondaxe: a cara externa estaba moi clara mais a cara interna non aparecía.

Sistema moi orixinal

Os restos atopados correspóndense cunha muralla construída en seco, sen ningún tipo de argamasa entre as pedras e cun sistema construtivo moi orixinal. No seu interior os expertos puideron ver como a muralla está construída en base a unha especie de módulos que reforzan a estrutura. Os seus construtores foron dispoñendo, pois, unha serie de reforzos transversais no interior da propia muralla que axudan a resistir a enorme pendente sobre a que foi feita.

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, salientou a importancia deste descubrimento para poder afondar no coñecemento do noso pasado e documentar as técnicas construtivas coas que se estaba a traballar.

“A muralla é realmente monumental”, apunto pola súa banda Benito Vilas, membro de Árbore Arqueoloxía e director da intervención. “Ademais, o sistema construtivo neste terreo tan escarpado foi efectivo, para probalo non hai máis que ver o seu estado de conservación”.

Para Marisa Defente, da directiva da Asociación Veciñal e Comunidade de Montes, “este achado monumental é un atractivo para o monte de Salcedo, tanto para que a xente nos visite como para incidir na conciencia comunitaria da propia aldea. Reforza, ademais a nosa aposta polos usos recreativos e de esparexemento do monte”.

Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, destaca que “con esta intervención, este xacemento estraño, do que aínda non coñecemos a época pero absolutamente monumental, é un recurso turístico interesantísimo para a rede de recursos arqueolóxicos do Concello”.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies