Preto dunha vintena de persoas reuníronse en Gondomar para participar nun percorrido guiado pola canle do río Miñor con motivo do Día Mundial dos Humidais
Pouco despois das 10 da mañá deuse por comezada a xornada que tivo como punto de encontro e de partida a praza do concello.
Da man de Anxo Rajoi, Miguel Fernández e Alberto Toupa, os participantes realizaron un percorrido didáctico de catro quilómetros de longo cara ás marismas da Ramallosa, un enclave elixido polos organizadores ao tratarse da zona máis interesante debido á variedade biolóxica existente.
**Nas fotografias os autores do proxecto explicando algún dos moitos aspectos de interese do percorrido
A biodiversidade do río Miñor sufriu importantes perdas nas últimas décadas, pero aínda é posible frear a súa deterioración. Así o cren os biólogos Rajó e Fernández, autores do proxecto para a recuperación da principal canle da comarca e os seus ecosistemas húmidos asociados.
A iniciativa que conta con catro anos de vida, nesta edición ten como obxectivo pór en valor o ecosistema acuático e terrestre do Miñor e o principal obxectivo é integrar o rio desde o seu nacemento( uns 15 kilometros) no Monte Galiñeiro, na Rede Natura 2000 da que xa forma parte a súa desembocadura e que está caracterizado pola existencia dunha gran extensión de bosques de Ribeira, considerados de interese europeo, e que funcionan como fonte de osíxeno ademais de dar acubillo a múltiples especies.
Alberto Toupa, naturalista especializado na recuperación da aguia real e un dos monitores da xornada, explicou que outra das virtudes deste tipo de flora , e é que serven como contención natural para previr desbordamentos.
Pero a riqueza deste contexto natural non se limita unicamente ás súas ribeiras, xa que o propio medio acuático alberga especies de gran interese debido á súa escaseza, tales como a lamprea ou o sáibao. Neste punto Toupa destacou a importancia do respecto coa contorna xa que a acción do home condiciona en gran medida a supervivencia dalgunhas especies como as tartarugas ou “sapoconchos“, que até hai pouco anos compartían espazo no Miñor, na actualidade desaparecidos. “Os ríos son elementos moi importantes para a natureza, en Galicia existen 2000 aínda que quizais por esta abundancia non se lles dá o valor que teñen“, engadiu.
Os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar presentárono ao programa Life+ da Unión Europea co fin de restituír o esplendor dos bosques de ribeira, os treitos fluviais e a marisma, hábitats de centos de especies de fauna e flora singulares e descoñecidos para moitos.
Así a firma que dirixen os mencionados biólogos, Ronsel Loxística e Proxectos S.L., volveu a propor o proxecto para as axudas que se outorgarán este ano. É a segunda vez que se realiza esta solicitude, a vez anterior fué rexeitada por non ter a conformidade asinada por Augas de Galicia (necesario por ser parte afectada), pois todo o demais cumpríase, así o confirmaba onte o concelleiro de Medio Ambiente Carlos González Camesella.
As liñas básicas da intervención recollen a retirada de especies invasoras que destrúen as autóctonas e a restauración do bosque de ribeira.A posta en valor do espazo tamén resulta fundamental na filosofía do proxecto, que contempla a apertura dunha senda natural sinalizada con paneis informativos para dar a coñecer as peculiaridades da súa biodiversidade.








