A reunión, que tivo lugar no concello de Baiona, reuniu a representantes de diferentes empresas e organismos, tanto públicos coma privados, relacionados cos temas a tratar no proxecto e que teñan especial relevancia na Vila e o seu ámbito.
Este grupo de traballo creouse como ferramenta de debate, plataforma de discusión de ideas e cooperación entre o destino e os diferentes axentes sociais.O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, deu a benvida aos asistentes e agradeceu o esforzo realizado para formar parte deste grupo de traballo, ao que asistiron diversos concelleiros e persoal técnico do concello, así como representantes do proxecto Quality Coast, Monte Real Club de Iates, Confraría de Pescadores, Porto Deportivo, Parador de Baiona, Organización Galega de Comunidades de Montes e Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba). Ademais foron invitados outros organismos que non puideron acudir á cita.
Durante o transcurso da reunión fíxose un repaso ao proxecto, ao seu estado actual e realizouse unha exposición de temas que están en proceso de estudo, para que os asistentes valorasen a idoneidade ou non do exposto. Outra das funcións do grupo de traballo é trasladar propostas e ofrecer o seu punto de vista sobre temas, relacionados co proxecto, que se poderían realizar. Este grupo de traballo tamén favorece a comunicación entre os representantes dos diversos factores, públicos e privados, representados na reunión.
O premio “Quality Coast Gold Award”, que ostenta Baiona dende 2013, ten unha duración de dous anos, ata maio de 2015. O
concello expresou a súa intención de volver presentar a súa candidatura para optar ao premio, como mínimo, na mesma categoría.
O programa Quality Coast, desenvolvido polo Coastal and Marine Union (EUCC) da Unión Europea, concedeu en maio de 2013 a Baiona a distinción na Categoría Ouro. Este proxecto ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento sostible en destinos costeiros, a través dunha estratexia de información dirixida aos visitantes, así como establecer unha rede mundial de comunidades costeiras que compartan os mesmos valores e prácticas de desenvolvemento sostible.
Máis información: http://www.qualitycoast.info/index.htm




