A plataforma de bandas Grupos de Vigo en Loita está a reclamar a reapertura do espazo Súbete ó Castro, que contaba con local de ensaio e outras instalacións dirixidas á mocidade viguesa.
O motivo disto é que o vindeiro xoves, día 21 de novembro, faranse 10 anos do seu peche definitivo en 2014 por parte do Concello de Vigo, que clausurou o edificio alegando que se facía temporalmente para solucionar un problema de humidades. No Súbete o Castro a mocidade non só podía ensaiar cos seus proxectos musicais e facer outras actividades culturais, deportivas e lúdicas, senón tamén participar nos xa míticos Castroconcertos. Nestes espectáculos gratuítos, que facían uso do entorno natural pero céntrico das instalacións, forxáronse varias xeracións de grupos vigueses durante a case década e media de vida do programa. Miles de persoas participaron ou acudiron a estes eventos.
Casa da Xuventude
“Agora está a suceder o mesmo coa Casa da Xuventude, pechada hai medio ano”. A Casa da Xuventude tamén tiña a disposición das bandas unha sala de ensaio, que deixou de funcionar aproximadamente na mesma época na que pechou o Súbete o Castro.
Grupos en Loita naceu en xaneiro de 2022 para esixir a reapertura das salas de ensaio de Vigosónico, un obxectivo logrado parcialmente uns meses despois e de xeito definitivo en maio de 2023. A plataforma permanece activa visibilizando diversas cuestións que afectan ás bandas viguesas, como a súa practicamente total ausencia na programación musical municipal.
Concertos de artistas locais
Recentemente o colectivo de grupos estivo centrado na reclamación de que as bandas locais sexan teloneiras nos concertos de verán en Castrelos e de que se celebre o festival de bandas locais Rock in Vigo, sen moito éxito ata a data.




