Os participantes, entre os que tamén se atopaban membros de colectivos sociais, clubes deportivos e deportistas de elite, percorreron a distancia entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro
A Xunta reafirmou onte o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero coa celebración da sétima edición da Andaina Camiño ao respecto na que participaron preto dun milleiro de persoas. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; a conselleira de Educación, Universidade e Formación, Carmen Pomar; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, percorreron a distancia entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro para mostrar o rexeitamento a calquera tipo de violencia contra as mulleres.
Esta edición contou ademais coa presenza de membros de distintos colectivos sociais, asociacións profesionais e clubes deportivos. Do ámbito do deporte, tamén asistiron 16 deportistas de elite. Trátase dos judokas Nikoloz Shreazadishvili, Alberto Gaiteiro e Estrella López; o triatleta Antonio Serrat; os piragüistas Pedro Vázquez, Adrián Sieiro, Sergio Vallejo, Roi Rodríguez, Rubén Millán e Albert Martí; a atleta de salto de altura Saleta Fernández; o surfista Gonzalo Zubizarreta; Jacobo Garrido, que compite en natación paralímpica; María Victoria Alonso, xogadora de baloncesto en cadeira de rodas; a nadadora Beatriz Gómez e Gustavo Nieves, atleta paralímpico que compite en maratón.
A andaina inscríbese na campaña posta en marcha pola Xunta con motivo da celebración mañá, 25 de novembro, do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, baixo o lema “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON”.
Na súa maioría mulleres con paraugas morados, percorreron o camiño desde Monte de Gozo, e foron recibidas na praza do Obradoiro polo alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, e polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.
Con este lema, a Xunta quere dicirlle NON a todas as formas de violencia recollidas na Lei 11/2017, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia xénero, é dicir, a violencia física, psicolóxica, económica e sexual, así como os abusos sexuais, o acoso sexual e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación. A campaña tamén di non ao maltrato, ao maltratador e ao machismo.
O Goberno galego cumpre así co eixo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero destinado a fomentar a sensibilización da sociedade sobre as consecuencias da violencia contra as mulleres para as vítimas e os seus fillos e fillas, e traballa para impulsar unha atención integral e transversal ás vítimas.



