spot_img
InicioVigo e áreaPreséntase en Fornelos de Montes "Camiño aberto", a compilación de materiais relativos...

Preséntase en Fornelos de Montes “Camiño aberto”, a compilación de materiais relativos ao centenario do nacemento de Lueiro Rey

Xunta-inicia-Fornelos-Montes-reunións-traballo-concellos-Área-Metropolitana-Vigo

Camiño aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey. 1916-2016, editado pola Deputación de Pontevedra con motivo da conmemoración do centenario do nacemento do autor, foi presentado en Fornelos de Montes, nun acto público no que estiveron presentes o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde da localidade, Emiliano Lage, o coordinador do libro, Ramón Nicolás, e a coordinadora das actividades conmemorativas do centenario, Carmen Carreiro.

Na presentación Xosé Leal indicou que “Fornelos de Montes é un punto clave tanto na traxectoria de Lueiro Rey, por ser a terra na que naceu, como por ser tamén a cerna da coñecida como “a causa Lueiro”, que está a facer un traballo inmenso para reivindicar a súa traxectoria “. O deputado tamén fixo fincapé na faceta política do autor afirmando que “a súa traxectoria vital atópase marcada polo seu compromiso a prol das persoas máis desfavorecidas e na súa loita pola liberdade, levada tamén ao terreo político, un feito moi relevante para un home da cultura, nunha época complicada como foi a do alzamento fascista e a posterior etapa franquista”. Xosé Leal felicitou o Concello de Fornelos de Montes e o tecido cultural da localidade pola convocatoria e o mantemento no tempo do certame de poesía que, baixo o nome do autor, xa leva XXIII edicións convocadas.

Camiño aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey. 1916-2016, coordinado polo escritor e crítico Ramón Nicolás, compila diverso material relativo ás actividades que se celebraron durante 2016 con motivo deste centenario e inclúe unha biografía vital e profesional do autor homenaxeado que se acompaña dunha ampla escolma de material gráfico.

O libro ten o mesmo título que a exposición itinerante que durante o pasado exercicio percorreu diversas localidades da provincia e que contou cun importante apoio por parte da Deputación. Comeza cun repaso cronolóxico da vida, obra e traxectoria de Manuel Lueiro Rey, e inclúe reproducións de portadas da súa obra e dalgunhas das súas colaboracións en prensa. Recolle, ademais, un apartado de “epistolario cos amigos” no que se reproduce correspondencia con Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane. O libro complétase con citas e textos de escritores e lectores sobre Lueiro e con reproducións de obra plástica inspirada na súa obra. Ademais da compilación dos materiais citados, o volume tamén inclúe achegas asinadas por Helena Villar Janeiro, Mercedes Queixas Zas, Marcos Abalde, Silvia Penas, Luís Cochón, Eli Ríos, Miguel Cuña, Ramón Rozas e Xesús Alonso Montero, así como por representantes da Deputación e dos concellos de Pontevedra e Fornelos de Montes.

presentase-en-fornelos-de-montes-camino-aberto-a-compilacion-de-materiais-relativos-ao-centenario-do-nacemento-de-lueiro-rey

Manuel Lueiro Rey, nacido en Fornelos de Montes pero enraizado no Grove, foi unha figura relevante da denominada Xeración do 36, e destacou nas súas facetas de poeta e xornalista. Actualmente, tanto o Concello de Fornelos de Montes coma o do Grove manteñen viva a súa memoria coa convocatoria de senllos certames baixo o seu nome. No caso de Fornelos de Montes, a través do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey e no do Grove, co Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.