Na presentación da xornada sobre as novas oportunidades para proxectos baseados na navegación por satélite, Teresa Pedrosa resaltou que coas novas instalacións de Delta, que vai realizar en Porto do Molle un investimento superior aos 25 millóns de euros, sumadas ás empresas xa existentes e os programas de promoción e aceleración de emprendedores, este parque empresarial está a converterse nun polo de atracción do talento e nun centro de innovación de referencia para todo o noroeste peninsular.
Porto do Molle acolle a presentación Oficial do concurso Europeo de Navegación por Satélite ESNC2015 Galician Community Challenge e impulsa empresas de desenvolvemento de aplicacións baseadas no Sistema Galileo
O Portavoz da Axencia Espacial Europea en España, Javier Ventura-Traveset, na súa intervención sobre “A navegación por satélite e o sistema Galileo: unha extraordinaria oportunidade para o desenvolvemento en Galicia de aplicacións no sector aeroespacial” dixo que no mundo está a rexistrarse un crecemento exponencial de empresas que basean o seu modelo de negocio na navegación por satélite. No seu relatorio Ventura-Traveset tratou aspectos relevantes sobre a ESA e o sector espacial en España, a navegación por satélite, o sistema Galileo e unha visión global do mundo aplicativo e das oportunidades para o desenvolvemento de aplicacións no sector espacial.
“Navegación, telecomunicación espacial e observación da terra son as áreas de extraordinaria capacidade para aplicacións baseadas na navegación por satélite” dixo. O principal responsable da ESA en España fixo fincapé en que segundo a Comisión Europea estímase que entre o 6 e 7% do produto interior bruto da UE depende actualmente da navegación por satélite. xa que actualmente en Europa existe un receptor por cidadán e espérase que en 2020 esta cifra suba a catro. “Pero máis que a tecnoloxía hai que idear algo que realmente faga falta e ao que podemos dar unha solución porque estamos nun momento culmen da navegación por satélite” comentou o portavoz ESA que engadiu que “neste marco atopámonos con Galileo, o sistema europeo que ofrecerá cobertura mundial e aumentará a independencia tecnolóxica de Europa e situará a esta no centro dunha revolución comercial baseada nos produtos e servizos de posicionamentos que se prevé que creará numerosos postos de traballo en Europa para o ano 2020”. Esta nova economía baséase en proporcionar e garantir un posicionamento preciso para todo tipo de aplicacións civís como os navegadores para coches, teléfonos móbiles, transporte marítimo, aéreo ou ferroviario. “Isto abre oportunidades comerciais fascinantes para creadores e fabricantes” dixo Ventura-Traveset.
O profesor da Universidade de Vigo, Francisco J. Diaz-Otero, presentou o concurso “European Satellite Navigation Competition 2015 Galician Community Challenge” xa que é este profesor o punto de contacto en Galicia da organización do devandito concurso. O ESNC, do que é socio principal o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración co Igape e GAIN, é un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite sen importar o estado de desenvolvemento no que se atope o proxecto, servizo ou idea de negocio. Este concurso está dirixido a empresas, emprendedores, investigadores, estudantes, inventores… Na xornada Teresa Pedrosa tamén animou aos estudantes de enxeñaría da Universidade a participar no concurso que como premio rexional terá o aloxamento gratuíto durante un ano nun dos viveiros do Consorcio con todos os servizos que desde eles se prestan. “Estamos a pór as a bases para dar un espazo aos enxeñeiros para que poidan desenvolver aquí todo o seu potencial” dixo a Delegada quen tamén falou da intención do Consorcio de establecer vínculos de colaboración permanentes coa ESA.
Francisco Díaz Otero explicou que esta é a primeira edición na que participa Galicia. Este é un concurso telemático para ideas, estean estas ideas no grao que sexa. Centrado en Galileo, o concurso naceu en 2004 e actualmente os participantes poden optar a 6 premios especiais e 21 rexionais máis o Galileo Máster á mellor idea. Mobilidade, seguridade e industria son os campos que máis ideas aglutinan aínda que o concurso abarca practicamente todos os campos da vida cotiá .




