
O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que celebrará a súa 21ª edición do 7 ao 11 de maio na cidade de Tui, Galicia, anuncia as películas que formarán parte da Competición Internacional desta nova entrega do certame, así como o xurado encargado de outorgar os premios.
Caracterizada, como é habitual en Play-Doc, pola presenza de cineastas que apostan polo risco formal e a constante experimentación, a Competición Internacional contará este ano cos novos traballos de Camilo Restrepo, Marta Mateus, Julen Etxebarria, Jean-Claude Rousseau, Ben Rivers, e das duplas de dirección formadas por Margaux Dauby e Raúl Domingues, e Pierre Creton xunto con Vincent Barré. Os filmes seleccionados son:
- Sincero, apaixonado, de Margaux Dauby y Raúl Domingues (Francia/Portugal, 2025)
- El tercer paisaje, de Julen Etxebarria (España, 2024)
- La Chambre d’ombres, de Camilo Restrepo (Francia, 2024)
- Fogo do vento, de Marta Mateus (Portugal/Suiza/Francia, 2024)
- Flamenco, de Jean-Claude Rousseau (Francia, 2024)
- Bogancloch, de Ben Rivers (Reino Unido/Alemaña/Islandia, 2024)
- 7 promenades avec Mark Brown, de Pierre Creton y Vincent Barré (Francia, 2024)
O xurado encargado de entregar os premios estará composto polo distribuidor e produtor franco-austríaco Pierre-Emmanuel Finzi, o cineasta estadounidense C.W. Winter (The Works and Days, The Anchorage) e a estratega francesa de distribución en festivais Pascale Ramonda.
Nas vindeiras semanas anunciaranse tamén a Competición Galicia e o resto da programación, que incluirá proxeccións especiais, eventos e actividades paralelas. Con anterioridade, Play-Doc xa adiantara as retrospectivas e focos dedicados a Elaine May, Monte Hellman, Michael Roemer, así como unha selección de clásicos restaurados do cinema da India pola Film Heritage Foundation.
Encontro profesional sobre políticas audiovisuais públicas
Como parte do seu compromiso co desenvolvemento do sector, Play-Doc organiza tamén actividades profesionais orientadas a fortalecer o ecosistema audiovisual. Unha delas será un encontro sobre políticas audiovisuais públicas, que se celebrará o sábado 10 de maio ás 11:30 h na sede do festival en Tui.
Actividade dirixida a profesionais do sector: cineastas, produtoras e responsables de festivais.
Coordinada polo Grupo CP2 da Universidade de Vigo, esta sesión ten como obxectivo reforzar os vínculos entre institucións e profesionais do ámbito audiovisual para construír un ecosistema máis sólido, diverso e sustentable.
O encontro contará coa participación de representantes dos principais organismos de apoio á produción e difusión audiovisual —AGADIC, ICAA e MEDIA—, que presentarán as súas principais liñas de financiamento e explicarán os obxectivos estratéxicos das súas políticas no ámbito galego, estatal e europeo. A seguir abrirase un espazo de diálogo co público para compartir dúbidas, experiencias e reflexións sobre os retos e oportunidades do sector.
A actividade é gratuíta, previa inscrición mediante correo electrónico aquí, indicando nome e perfil profesional.
Actividade coordinada polo grupo CP2, Comunicación Persuasiva, da Universidade de Vigo e financiada pola Xunta de Galicia como grupo de potencial crecemento.



