
No día de onte disputouse a 2º xornada do Campionato do Mundo de Milán, onde competiron 8 padeeiros galegos dos 14 que viaxaron a terras italianas en busca dun billete para Río 2016.
Os tudenses loitarán polas medallas na final que se disputará o sábado ás 11:53 da mañá
As boas noticias tardaron en chegar para os nosos, ás 18:44 tomaban a saída Gabriel Pavón e Rubén Millán na 3º semifinal do K2 1000m, desde o inicio foron na cabeza, cedendo o primeiro posto nos últimos metros ante o serbios Marco Tomicevic e Milenko Zoric. Á final van chegar co 7º mellor tempo de todos os finalistas, moi preto da sexta praza, que na final daríalle o pase aos xogos olímpicos.
Esta nova embarcación leva preparándose todo o ano no Club Kaiak Tudense ás ordes de Esteban Alonso despois de que Gabriel Campo estivese toda a tempada 2014 sen adestrar e competir co que iso supón. O mérito desta parella é moi grande e seguro que darán moitas alegrías debido á súa mocidade.
O resto de participantes galegos tiveron unha discreta actuación e tentarán resarciches nas finais B ou nas embarcacións que aínda lles quedan por remar.
Cristian Toro-Fluvial de Lugo e Carlos Arévalo-Náutico Betanzos entraron en meta en 3º da súa semifinal onde só pasaban dous directos, aínda quedaba a posibilidade de entrar por tempos pero finalmente remarán a final B. O próximo ano terán a posibilidade de lograr o pase para os xogos se conseguen a única praza que queda libre no preolímpico europeo.
Diego Romeu-Breogán do Grove entraría 5º na súa semifinal a 5 segundos do segundo clasificado, con este posto pasa á Final B, Diego mantívose con opcións de clasificarse durante toda a regata, no tramo final fixo un cambio de ritmo que o achegou aos postos de cabeza pero non foi suficiente. A Romeu aínda queda a posibilidade de clasificarse para Río na distancia do C2 1000 xunto co seu compañeiro Antonio Campos.
Ana Varela-Kaiak Tudense competía no K2 500m coa ceutí Isabel Contreras, pola mañá na eliminatoria foron 4º pasando a semifinais, xa pola tarde entrarían en meta en 7º posición quedando eliminadas do campionato. Ana aínda ten a posibilidade de clasificarse no K4 500m.
Por outra banda tamén se disputaron as eliminatorias e semifinais da distancia non olímpica C2 500m. José Luís Bouza-Kaiak Tudense e Adrián Sieiro-Piragüismo Poio non conseguiron o seu obxectivo de entrar na final ao ocupar a 5º posición na súa semifinal. Remarán a final B o sábado ás 8:38 da mañá.
Mañá disputarase a 2º xornada deste mundial onde tomarán parte Teresa Portela no K1 200, Ana Varela no K4 500m, Diego Romeu e Antonio Campos Adrián Sieiro no C1 500m, e Roi Rodríguez no K1 500m.



