spot_img
InicioVal MiñorGondomarOs tapices florais cubrirán de novo as rúas de Gondomar

Os tapices florais cubrirán de novo as rúas de Gondomar

O Club Patinaxe Artística Gondomar termina a súa alfombra floral baixo a choiva
Club Patinaxe Gondomar Corpus 2019

A celebración do Corpus Christi recupera este ano a tradición que se remonta a máis 50 anos e que o pasado ano viuse interrompida como consecuencia da pandemia. Dúas agrupacións participarán na confección de tapices florais ante a igrexa de San Benito e a Praza da Paradela.

A Asociación de Mulleres Rurais e o Club de Patinaxe Artística traballaron sen apenas descanso durante toda a semana para ter preparado todo o material co que darán forma aos tapices de flores que lucirán este domingo en Gondomar, durante a celebración do Corpus Christi. As alfombras tradicionais regresan así ás rúas tras verse interrompida esta tradición o pasado ano como consecuencia da pandemia.

Os integrantes de ambas agrupacións traballarán durante parte da noite no deseño e confección destas alfombras tan especiais que serán menos que en anos anteriores “pola situación sanitaria que seguimos vivindo”, decorando a Agrupación de Mulleres Rurais o acceso principal á igrexa de San Benito.

A segunda, que se realizará na Praza da Paradela onde se recibirá a procesión, será confeccionada polos integrantes do Club de Patinaxe Artística de Gondomar que reduciron case á metade da extensión habitual e estiman que non excederán os 10X10 metros.

“Recuperamos, aínda que sexa de forma reducida e simbólica, unha das nosas tradicións máis querida”, asegura o alcalde, Paco Ferreira, quen lembra que tamén se celebrará a procesión que realizará o seu percorrido habitual desde San Benito pasando por Eduardo Iglesias ata a praza da Paradela onde se fará a ofrenda correspondente, para posteriormente retomar o seu camiño pola rúa Manuel Losada dirección de novo ao igrexa, acompañada pola Banda de Música de Vincios.

- Publicidade -spot_img