Aínda que as previsións meteorolóxicas non eran moi alentadoras, o público foi fiel á cabalgata de reis de Baiona. Centos de persoas encheron as rúas da vila real para ver ás súas maxestades de oriente. 1.500 Kg de caramelos foron tirados e máis de 1.000 agasallos repartíronse entre os nenos que persoalmente deron a súa carta a Melchor, Gaspar e Baltasar.
Ás 17 horas arrincaron da rotonda da urbanización Ponte Romano as tres comitivas reais da gran cabalgata de reis do Concello de Baiona. As súas maxestades percorreron tirando caramelos, ante a atenta mirada dos máis pequenos da Vila, a Avenida Julián Valverde, pasando pola Praza Vitoria Cadaval, cale Porta do Sol e por Areas ata chegar á Praia de Santa Marta.
Deste lugar saíu a cabalgata ás 18:00 horas cara ao centro da localidade. Neste punto sumóuselle á carroza de Melchor, Gaspar e Baltasar, un gran número de participantes. A Rondalla de Freixo abría a gran cabalgata de reis. Ao redor de 90 integrantes do grupo puxeron música ás rúas da vila.
A escola de Baile Giros de Baiña foi a encargada de poñer ritmo cos seus bailes. A estes seguíalle a carroza do Baíña Fútbol sala, un gran camión duns 16 metros cuxo interior albergaba un gran número de xogadores. O tráiler do Baíña estaba precedido por outro gran número de animadores do equipo que animaban cos seus movementos a todos aqueles que agardaban nas rúas. Entre todos sumaban unhas 100 persoas.
Tras estes a carroza de Erizana facíase paso cos seus xogadores estimulando coa súa música a todo ao que se atopaba ao seu paso.
Renos, galletas, e as princesas da película de animación Frozen e o seu simpático boneco de neve Olaf animaban cos seus movementos e as súas danzas aos máis pequenos que expectantes agardaban ver aos reis magos de oriente.
O primeiro en facer a súa aparición como reza a tradición foi Melchor. A súa carroza estaba presidida por un bonito coche antigo en cuxo interior ía subido un boneco de neve. Na parte traseira da pasarela alzábase o trono da súa alteza real, que moi riseira saúda e tiraba caramelos a nenos e maiores.
A carroza de Gaspar tiña un gran caracol na parte dianteira e detrás situábase o rei meigo.
Baltasar presentou unha carroza cun submarino capitaneado por un mariño. Na parte traseira atopábase a súa maxestade moi ilusionado ante a mirada brillante dos máis pequenos.
As tres carrozas foron deseñadas especialmente pola compañía ‘A Festa Escénica’ para a ocasión con moita orixinalidade e moita luz e cor. As plataformas deste ano foron máis grandes que en anos anteriores con 11 metros de lonxitude.
Tras o percorrido polas rúas baionesas, as súas maxestades de oriente dirixíronse ao Pavillón de Deportes Municipal onde lles estaban esperando un gran número de nenos.
María Iglesias Fernández, primeira tenente de Alcalde, Concelleira de Cultura e á fronte de toda a organización da cabalgata, foi a encargada de dar a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar. Iglesias tamén entregou ás súas maxestades a chave de ouro máxica do Concello de Baiona. Unha chave custodiada no consistorio que serve para que os reis poidan entrar en todas as casas de municipio para deixar aos nenos baioneses os seus agasallos.
Os reis magos tamén dedicaron unhas cariñosas palabras aos nenos.
Tras os discursos as súas maxestades sentaron nos seus tronos reais e recibiron a todos os nenos que moi ilusionados recibiron un regalito dos reis e entregáronlles persoalmente a súa carta.





