spot_img
InicioGaliciaOs produtos do mar galego consolídanse como referencia internacional

Os produtos do mar galego consolídanse como referencia internacional

os-produtos-do-mar-galego-consolidanse-como-referencia-internacionalAs campañas de promoción impulsadas pola Xunta de Galicia e por empresas do sector pesqueiro levan ás exportacións a máximos históricos en 2023, confirmando a recuperación do sector dende a pandemia

Os peixes e mariscos galegos continúan viaxando alén das fronteiras da comunidade e batindo récords de ventas un ano máis. Durante 2023, a Xunta de Galicia e diferentes empresas galegas continuaron coa estratexia de promoción que impulsaran hai máis dunha década para tratar de poñer en valor a calidade dos peixes e mariscos galegos en todas as súas versións, así coma o labor dos profesionais do mar que os capturan. Como resultado, no último ano as exportacións destes produtos acadaron volumes de vendas e beneficios nunca antes vistos.

Entre outros datos, en 2023 Galicia situouse no posto número 15 do mundo en vendas externas de produtos pesqueiros, con máis de 608.000 toneladas vendidas por valor duns 2.787 millóns de euros. Os produtos galegos supuxeron o 56% do total vendido por España ao estranxeiro o ano pasado, xerando o 52% do valor; case un 3% máis que en 2022 e un 15,76% máis que en 2021.

En total, o volume de negocio do sector marítimo-pesqueiro galego medrou nun 0,65% con respecto ao 2022 e un 2,5% máis que 2021, coas lonxas da comunidade encadeando tamén máximos históricos nos últimos anos. Un conxunto de cifras salientables que amosan unha certa recuperación do sector ante as dificultades xurdidas a raíz da pandemia, da guerra da Ucraína e do encarecemento enerxético e de prezos dos últimos anos.

os-produtos-do-mar-galego-consolidanse-como-referencia-internacional

Nesta liña enmárcanse campañas de promoción como GALICIA SABE AMAR, entre outras, a través das cales tanto a Consellería do Mar coma empresas do sector participan en diferentes feiras gastronómicas nacionais e internacionais para dar a coñecer os seus produtos, abrir novas vías de negocio e chegar a máis mercados. Algúns dos eventos máis destacados que visitou ou vai visitar a Xunta de Galicia a este respecto son o Gulfood Dubai, o Foodex Japan, a Seafood Epxo North America, a Seafood Expo Global de Barcelona, San Sebastián Gastronomika, así coma moitas outras feiras en diferentes lugares de España e do mundo.

GALICIA SABE AMAR

A campaña GALICIA SABE AMAR púxose en marcha en 2021 e ten como obxectivo a posta en valor dos produtos do mar, poñendo o foco no agradecemento ao esforzo dos mariñeiros e traballadores que cada ano poñen a disposición da poboación alimentos de máxima calidade. Trátase dunha continuación da iniciativa impulsada en 2020 pola Xunta de Galicia, “Compra produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco”, precisamente para valorar o esforzo realizado polo sector pesqueiro, declarado esencial durante a pandemia, que seguiu faenando malia ás dificultades económicas e loxísticas da crise sanitaria e do confinamento.

A participación da Administración nas feiras gastronómicas mencionadas realízase precisamente ao abeiro de Galicia sabe amar, se ben esta campaña inclúe tamén o desenvolvemento doutras accións puntuais, por exemplo dirixidas a escoleras e xeracións concretas.

En 2023, a iniciativa deu un paso máis botándose á estrada e percorrendo diferentes concellos galegos do Camiño de Santiago con catro foodtrucks. Durante un período de dous ou tres días, as furgonetas ofrecían petiscos de balde elaborados a base de produtos certificados do mar galegos para poñer en valor a súa versatilidade e calidade, animando aos veciños e visitantes a consumilos.

os-produtos-do-mar-galego-consolidanse-como-referencia-internacional

Dende febreiro do ano pasado, as foodtrucks da campaña achegaron as súas elaboracións a 35.000 persoas en 376 concellos, tamén doutras comunidades, percorrendo un total de máis de 6.000 quilómetros. Este 2024 o próximo 2025 prevese ofrecer unhas 1.400 novas degustacións.

A campaña ofrece ata dez pinchos diferentes certificados con selos coma o pescadeRías, xunto a outros produtos da terra con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Denominación de Orixe Protexida (DOP). Toda a información sobre os petiscos e as rutas das súas furgonetas pode consultarse de xeito actualizado na web www.galiciasabeamar.gal ou nas redes da Consellería do Mar.

Outras campañas

Ademais de GALICIA SABE AMAR, a estratexia da Xunta de Galicia e do sector componse doutras campañas específicas de produtos coma a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, así coma os produtos de conservas e conxelados, entre moitos outros.

os-produtos-do-mar-galego-consolidanse-como-referencia-internacional

Por outra banda, estes traballos non só están orientados a mellorar os ingresos dos profesionais do mar, senón tamén ao mantemento da súa actividade no futuro. Unha parte fundamental das campañas busca facer o sector pesqueiro atractivo para as novas xeracións a nivel laboral, coa fin de preservalo e que Galicia manteña o seu papel de referencia española e europea na produción e comercialización de produtos do mar.

Tanto Galicia sabe amar coma outras accións específicas, por último, inciden nas cualidades nutricionais e de saúde dos produtos do mar galego. O consumo de peixes e mariscos frescos e transformados é un pilar fundamental da dieta atlántica, que contribúe á lonxevidade dos seus habitantes e constitúe un hábito de vida saudable beneficioso para a poboación e para o conxunto do sistema sanitario galego.

En definitiva, as diferentes campañas céntranse en potenciar as bondades do produto marítimo galego dende todas as perspectivas: destacando os seus valores nutricionais (os peixes e mariscos son fonte de Omega-3, vitaminas, ferro, calcio e outros nutrintes esenciais), apuntando a vantaxe ecolóxica que supón a súa reducida pegada de carbono ou lembrando a importancia económica do sector en Galicia, onde o 91% de actividades económicas están relacionadas coa cadea mar-industria, empregando de xeito directo a unhas 40.000 persoas.

- Publicidade -spot_img