Inicio Galicia Os grupos de acción local pesquera (GALP) de Galicia lanzan a campaña...

Os grupos de acción local pesquera (GALP) de Galicia lanzan a campaña #QuedaCoNosoMar

Os grupos de acción local pesquera (GALP) de Galicia lanzan a campaña #QuedaCoNosoMarOs Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia veñen de lanzar a campaña “Queda na casa, queda co noso mar”, que utiliza o cancelo #QuedaCoNosoMar, para visibilizar o labor da xente do mar ante a situación provocada polo coronavirus Covid-19.

A iniciativa achega información de primeira man sobre a importancia que ten o traballo do sector, tanto a nivel económico coma social. Para iso, o GALP achega diversas voces para reflectir as valoracións e testemuñas procedentes das distintas actividades do mar (pesca extractiva, acuicultura, marisqueo a pé, comercios, etc.).

Entre esas voces destaca a do presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, que recoñece que “son días moi complicados” para o sector, do que viven directamente 22.000 persoas na nosa comunidade. Sinala que desde a Federación traballan para defender “a importancia que o consumo de produtos do mar ten para a sociedade”, así como as características particulares que existen entre as distintas actividades do mar, como poden ser a pesca e o marisqueo.

Pola súa banda, o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, asegura que desde o inicio do estado do alarma o sector do mar, tanto en Galicia como no resto de España, “reduciu en gran medida a súa actividade, con paróns de ata o 70% da frota nalgunhas autonomías”, provocado pola necesidade de equipos de protección individuais (EPIs), a caída da demanda doméstica e o peche da canle Horeca (hostalaría e restauración).

Porén, Otero destaca “a valentía” da xente do mar que, a pesar da menor actividade, continuou traballando para garantir a subministración de produtos á cidadanía. Basilio Otero considera que tanto o peixe como marisco son alimentos que deben chegar aos fogares debido “ao seu alto valor nutricional e enerxético”.

Situación por provincias galegas

En Lugo, Basilio Otero, presidente da Federación Provincial de Confrarías, asegura que a situación “é distinta respecto ao resto de Galicia” debido ás súas características propias, con sobre todo pesca de altura, baixura e moi pouco marisqueo, e tamén á maior duración da campaña da cabala. Isto, sumado a unha lixeira suba dos prezos e do consumo durante a Semana Santa, fixo que a situación se normalizara un pouco, pero “aínda queda moito que recuperar”, engade.

Na provincia da Coruña, a situación varía en función da confraría, pero en xeral estanse establecendo quendas de saídas ao mar, xa que debido ao descenso da demanda, non é preciso que toda a frota estea en activo. O presidente da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, pide á cidadanía que non deixe de consumir produtos do mar, “xa que a súa venda non só mantén os empregos directos, senón a toda unha cadea, entre a que hai empresas conserveiras, depuradoras ou transportistas”. Ademais, reclama “compensacións” para as persoas que tiveron que parar para cumprir co decreto de estado de alarma e para as que teñen que vender o produto “con caídas de prezos de entre o 50 e o 85%”.

En Pontevedra a maior parte da actividade de marisqueo está paralizada e tanto a pesca artesanal como as lonxas funcionan ao 60% ou 70% da súa actividade habitual, como destaca Javier Martínez, secretario da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Destaca o labor da xente do mar, que “é un dos colectivos que primeiro se sensibiliza” cunha situación como a provocada pola pandemia do Covid-19. Martínez indica que, “á parte do aspecto económico, a xente do mar tamén está preocupada polo abastecemento á cidadanía”, de aí que reivindique unha maior atención ás inquedanzas do sector, especialmente das mariscadoras.

Situación na Ría de Vigo – A Guarda

Pola súa banda, o presidente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, pon de manifesto que ante os novos tempos que estamos a vivir e os que se aveciñan, os cambios na forma de pescar, comercializar, etc. serán primordiais. Temos en fronte un gran reto: chegar aos fogares, sensibilizar e convencer á cidadanía de que o consumo dos nosos peixes e mariscos é imprescindible para a nosa supervivencia, e polo tanto, do noso país, xa que o sector pesqueiro ten unha alta relevancia na comunidade.

Consumir produto local é un “tópico”, pero que nestes momentos antóllase esencial para a xente do mar (ademais do valor engadido que supón a menor pegada de carbono que entraña a compra destes produtos). A solidariedade co noso sector é fundamental, xa que co peche da hostalaría e a restauración, as ventas de peixe fresco e marisco vese reducida nunha alta porcentaxe. Por isto pedimos a colaboración dos nosos veciños, apoiando ao noso sector mercando os nosos produtos, garantía de frescura e calidade.

Un sector que emprega a máis de 100.000 persoas

A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo na nosa comunidade a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, e xeran unha riqueza superior aos 1.100 millóns de euros, o que representa o 2% da riqueza de Galicia (PIB), segundo datos da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Esta importancia da pesca é moi superior nalgúns municipios costeiros, onde a actividade extractiva, acuícola e transformadora son claves na economía local. Isto acontece nun de cada cinco concellos costeiros, onde o peso deste sector achega máis do 10% do seu PIB.

En 2019, nas lonxas e centros de venda de Galicia comercializáronse máis de 158.000 toneladas de produtos da pesca que supuxeron unha facturación de case 470 millóns de eurossegundo o Anuario de Pesca 2019.

O sector do mar non só é un piar estratéxico para a economía galega, senón que é a actividade produtiva máis característica da Galicia diante da economía europea.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies