spot_img
InicioVigo e áreaVigoOs fondos de Bouzas libres de dúas toneladas de lixo mariño

Os fondos de Bouzas libres de dúas toneladas de lixo mariño

os-fondos-de-bouzas-libres-de-duas-toneladas-de-lixo-marinoOs fondos de Bouzas libres de dúas toneladas de lixo mariño tras unha nova limpeza organizada por Afundación. É a segunda actuación nesta zona no marco do proxecto medioambiental PLANCTON, onde o ano pasado se retiráronse 900 quilos de residuos nunha actuación similar

Revista Cousas de nº21

Tras o éxito da primeira actuación de limpeza de lixo mariño, realizada en 2023 nos fondos de Bouzas, Afundación convocou onte unha nova xornada de voluntariado ambiental no marco do seu Plan de Conservación Territorial (PLANCTON). 44 persoas, mergulladores e persoal de apoio, participaron nesta nova iniciativa, desenvolta na contorna do porto da Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas e do Porto Deportivo da Confraría de Pescadores, na enseada de Alcabre.

os-fondos-de-bouzas-libres-de-duas-toneladas-de-lixo-marino

As inmersións, nas que participaron submarinistas da Confraría de pescadores de Vigo-Mariña Deportiva de Bouzas, da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas e do Liceo Marítimo de Bouzas, desenvolvéronse entre as 10 e as 12.00 h. Mentres, en superficie, persoas voluntarias traballaron como equipo de apoio, tanto a bordo das 8 embarcacións participantes, como nos propios embarcadoiros das instalacións portuarias.

os-fondos-de-bouzas-libres-de-duas-toneladas-de-lixo-marino

Tras os labores de clasificación e pesada coas que concluíu a actividade, contabilizáronse dúas toneladas de residuos retirados dos fondos, entre eles, 25 pneumáticos extraviados dos que se colocan nas embarcacións para as operacións de atracada, e diferentes aparellos relacionados coa actividade pesqueira, como boias, caldeiros, restos de cabos e cordas, nasas, ou redes. Así mesmo, localizáronse outra serie de obxectos cuxo orixe é máis complicado establecer, posiblemente relacionados con actividades domésticas e de lecer, como botes e botellas de plástico e de vidro, dous móbiles, un extintor e outros obxectos plásticos non identificables.

os-fondos-de-bouzas-libres-de-duas-toneladas-de-lixo-marino

Na xornada ambiental convocada onte pola Obra Social de ABANCA participaron persoas voluntarias da Asociación de Busca e Salvamento de Galicia, o Concello de Vigo, Protección Civil de Bouzas, a área Portuaria de Bouzas e o Porto de Vigo, ademais dos membros do programa de voluntariado Actúa de Afundación.

Tras esta nova xornada de limpeza, son xa máis de 18 as toneladas de lixo mariño retiradas no marco de PLANCTON no que vai de tempada en fondos portuarios, marisqueiros e outros enclaves e areais de Galicia, superando xa as 70 toneladas desde que se puxo en marcha esta iniciativa ambiental que este ano está na súa cuarta edición.

Con todo, e aínda que estas actuacións benefician indubidablemente ao medio ambiente en xeral e aos ecosistemas en particular, o principal obxectivo deste plan de conservación territorial é fomentar a conservación e a sustentabilidade do conxunto de actividades socioeconómicas realizadas no mar. Así, a través do proxecto PLANCTON, ABANCA e a súa Obra Social promoven na sociedade formas de actuar responsables que permitan manter os recursos actuais sen chegar a poñelos en risco para as xeracións futuras. Todo iso acorde ao compromiso de ambas as entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, nunha actuación, como a de hoxe, que conseguiu implicar a máis de dez entidades diferentes na procura dun ben común.

- Publicidade -spot_img