Aos traballadores do ” Ribel Tercero”, que compartiron actividade cun caso xa confirmado de COVID-19, non se lles fixo ningún test á súa chegada hoxe a porto a pesar de pasar máis de quince días co compañeiro que deu positivo e que foi evacuado.
O ” Ribel Tercero”, palangreiro pertencente a Orpagu, volveu esta mañá de sábado día 11 ao porto de Vigo tras precipitar o seu regreso polo xa confirmado positivo por COVID-19 dun dos seus tripulantes, evacuado polo buque-hospital Esperanza do Mar e hospitalizado desde onte venres en Povisa, en Vigo.
A tripulación, composta por nove homes, atracou esta mañá no porto vigués, unha información que fora comunicada previamente ás administracións por parte da casa armadora e pola propia Organización de Palangreiros Guardeses, como parte da política de cooperación e información que mantiveron desde as primeiras sospeitas dun positivo por coronavirus no barco. Unha vez en porto, os traballadores, acompañados polo armador, mantivéronse á espera do despregamento dun protocolo preventivo, dado o positivo confirmado polo compañeiro co que compartiron espazo durante máis de quince días.
Unha espera que resultou infrutuosa #ante a sorpresa dos mariñeiros, que esperaban algunha medida que evitase a súa volta a casa xunto ás súas familias antes de coñecer se son ou non positivos. O propio armador acabou xestionando en vehículos privados o traslado dos tripulantes, que pasarán a corentena nos seus fogares. Cos mariñeiros xa recluídos nas súas casas e tratando de tomar, por propia iniciativa, medidas de seguridade, respondeuse os requirimentos de Orpagu e armadora e finalmente realizaranse os test que, en boa lóxica, deberían levarse a cabo no momento da chegada a porto.
A situación vivida co “ Ribel Tercero” pon de manifesto a imperiosa necesidade dun protocolo de actuación para este tipo de casos. A Organización de Palangreiros Guardeses lamenta a falta de medidas para atender un suceso que sen dúbida se repetirá. Así mesmo, sinala a contradición de que se lles recoñeza como actividade esencial para garantir á poboación unha alimentación de calidade, extremo confirmado publicamente polo ministro Luís Planas, e a indefensión coa que se atopan á hora de realizar o traballo sen as medidas de seguridade pertinentes.
Máis aló da actuación no caso dun positivo, os palangreiros guardeses, como xa fixeron diversas organizacións pesqueiras, demanda que se fagan as probas a todos os mariñeiros antes de embarcar para evitar situacións como a que se viviu a bordo do ” Ribel Terceiro”, co risco, dado o espazo limitado dun barco, de contaxio entre os traballadores. Por outra banda, o luns 13 de abril procederase á desinfección do barco a cargo dunha empresa homologada.



