spot_img
InicioGaliciaOitenta profesionais do sector escénico debaten en Culturgal sobre a xestión pública...

Oitenta profesionais do sector escénico debaten en Culturgal sobre a xestión pública de redes de espectáculos

oitenta-profesionais-do-sector-escenico-debaten-en-culturgal-sobre-a-xestion-publica-de-redes-de-espectaculosA Agadic colabora coa asociación Escena Galega na organización deste foro profesional, que se desenvolve ao longo do día de hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra como parte do programa da Feira das Industrias Culturais

Oitenta profesionais da artes escénicas asisten hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra á ‘Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas’, que organiza a asociación Escena Galega en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como parte do programa da segunda xornada da feira Culturgal.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, foron os encargados de abrir este foro profesional, a través do que se busca propoñer un debate sobre o funcionamento deste tipo de circuítos a partir do coñecemento de experiencias existentes noutros puntos de España en relación á xestión, promoción e difusión das artes escénicas a través de redes públicas de distribución.

Na súa intervención, Jacobo Sutil felicitou os organizadores da xornada, durante a que os asistentes están a recibir as experiencias doutras entidades e doutros sistemas escénicos: “Súmase a este proceso de diálogo compartido e continuo do que, de seguro, poderemos extraer conclusións interesantes e, en reciprocidade, agardo que tamén poidamos ter a oportunidade de achegar a nosa propia realidade”, asegurou.

O director da Agadic asegurou que, neste sentido, o panorama galego constitúe unha “rica e variada oferta, un tesouro tanto patrimonial como dinámico”, conformado polas propostas escénicas dos nosos creadores e creadoras como reflexo do pulso escénico do país. Así, por exemplo, no caso concreto dos circuítos promovidos pola Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño) tiveron lugar desde 2013 un total de 2.135 funcións escénicas (teatro, danza, maxia e novo circo) por toda Galicia.

Relatorios
Tras esta apertura, deu comezo o primeiro relatorio da xornada, centrado na Rede Vasca de Teatros SAREA, circuíto integrado por 54 teatros e participado polo Goberno Vasco, as deputacións forais e os concellos. A mesa estivo moderada por Mercedes Castro, vicepresidenta de Escena Galega, e nela participaron José Luis Ibarzábal Eguibar, do Departamento de Cultura do Goberno Vasco; Nekane Basterretxea, secretaria técnica de coordinación de Sarea; e Amaia Ibáñez, xerente de Eskena-Empresas de Produción Escénica Asociadas de Euskadi.

Xornada de tarde
A xornada de tarde estruturarase arredor doutras dúas mesas. A creadora Begoña Cuquejo será a encargada de presentar a primeira delas, centrada en Danza a Escena, circuíto artístico promovido polo Ministerio de Educación e Cultura, a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e desenvolvido pola Red Española de Teatros en colaboración cos seus espazos asociados co obxectivo de incrementar a presenza da danza na programación cultural mais a súa visibilidade social. O coloquio dará comezo ás 16.30 horas e nel participarán Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, presidente da Red Nacional de Teatros e Auditorios e coordinador da comisión de Danza a Escena, e Adela Fernández, coordinadora da Red para este circuíto coreográfico.

Esta ‘Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas’ concluirá cunha terceira mesa, programada para as 18.00 horas. Neste caso, o obxecto de debate será o programa Platea, circuíto estatal para a circulación de espectáculos de artes escénicas en espazos municipais, que organiza o INAEM en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Xosé Paulo Rodríguez será o encargado de presentar as intervencións de Jesús Cimarro, presidente da Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza (Faeteda), e de Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense.

- Publicidade -spot_img