A tempada de curros galegos comeza esta fin de semana en Oia co da Valga (Loureza), que se celebra este domingo 14 de maio. A actividade comezará desde primeira hora da mañá e prolongarase ao longo da xornada, sendo o momento central da xornada (tarefas de rapa e marcado) arredor das 17.00 horas.
En total, estímase que no curro deste ano haberá uns 350 cabalos.
Segundo marca a tradición, a xornada transcurrirá con actividade desde a primeira hora da mañá e ata a tarde. A partir das 9.00 horas os gandeiros comezarán a xuntar as bestas e estímase que a chegada dos cabalos ao recinto da Valga se producirá arredor as 13.00 horas. Xa pola tarde, sobre as 17.00 horas, terán lugar as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.
O curro da Valga transcorrerá no seu habitual ambiente festivo, de forma que as persoas que se acheguen ata o lugar poderán gozar dunha xornada que combina celebración e tradición arredor do cabalo da Groba.
Despois do da Valga, que abre a tempada, en Oia desenvolveranse os curros de Torroña (4 de xuño) e Mougás (11 de xuño).
O Concello lembra que ten colgada na súa canle de youtube un documental sobre os tres curros que se celebran no municipio. Pódese acceder ao vídeo na seguinte ligazón: https://youtu.be/ah4a7iG-NPY
Avisos sobre medio ambiente e acampadas:
En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.
Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.