Inicio Pontevedra Baixo Miño O Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño é xa unha...

O Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño é xa unha realidade

Sinatura do Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo MiñoOs 13 concellos do GDR14 xunto con Soutomaior asinaron este mércores o convenio de colaboración para a xestión compartida do turismo no territorio, creando así o Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño, o primeiro xestionado por un Grupo de Desenvolvemento Rural

O Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño dá os seus primeiros pasos. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, os 13 concellos do territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui) e o concello de Soutomaior asinaron este mércores 17 de outubro un convenio de colaboración para a posta en marcha, xestión e e dinamización desde xeodestino turístico, o primeiro de toda Galicia en ser xestionado por un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Con esta iniciativa búscase aglutinar esforzos e xerar un maior fluxo turístico nos 14 municipios que abrangue o xeodestino e dar resposta a unha actividade económica complexa de carácter transversal cun mercado tremendamente esixente, dinámico e influenciable.

A través deste convenio fixaranse as principais liñas de colaboración, coordinación, xestión, financiamento, organización e funcionamento deste novo xeodestino, que conlevará a realización de actuacións en todos os concellos que o integran. Esta parte complementarase co convenio de colaboración que asinarán GDR14 e Turismo de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, para a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo neste territorio, así como para a sensibilización tanto aos visitantes como á propia veciñanza sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura de todos estes concellos.

Respaldo da Xunta de Galicia

Ao acto de sinatura do convenio asistiu a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural (entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio GDR14) e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o nomeado representante institucional do xeodestino e alcalde de Baiona, Ángel Rodal. “Dende o GDR14 buscamos novos puntos para o desenvolvemento sostible do territorio e detectamos que o turismo era un polo fundamental. Poñemos en marcha este xeodestino coa firme intención de ser prácticos e levar adiante proxectos que repercutan nestes 14 concelllos, elaborando un plan estratéxico que abarque todo o territorio e creando o primeiro produto turístico conxunto, xa que calquera iniciativa turística de calado non pode facerse concello a concello”, comentou González, quen quixo destacar a “predisposición e a axilidade de Turismo de Galicia para sacar este xeodestino adiante”. Para González con esta iniciativa “non sumamos, senón que multiplicamos as nosas forzas e non desperdiciamos recursos”.

Pola súa banda, Ángel Rodal recordou que con este novo xeodestino “buscamos desestacionalizar o turismo en 14 municipios cun potencial tremendo. Loitaremos unindo as nosas forzas paa crear unha marca turística que xere fidelidade, achegando o encando particular de cada municipio pero dende un enfoque xenérico”.

Estiveron acompañados por representantes de todos os municipios que integran o novo xeodestino: Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan Antonio González, rexidor de Nigrán; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Teresa Paris, concelleira delegada de Cultura e Turismo de Redondela; María del Carmen Alonso, alcaldesa de O Rosal; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; e Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui.

A Xunta de Galicia tamén quixo amosar o seu respaldo a esta iniciativa coa presenza de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; e de Ignacio López-Chaves, Delegado da Xunta en Vigo. “Cremos que xuntos imos máis lonxe e agora, con esta sinatura, sentamos as bases dun proxecto de futuro”, salientou o conselleiro, para quen falar de xeodestino significa falar de “unión, cooperación, coordinación, confianza e planificación”. “Poñemos o interese xeral por riba dos intereses persoais para o beneficio colectivo do territorio, potenciando recursos que cada un ten individualmente e que sumados nun paquete turístico terán unha maior capacidade de promoción. Os xeodestinos permiten superar os localismos para xestionar de forma conxunta unha actividade económica tan importante como o turismo”, destacou.

Sinatura do Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño O obxectivo deste convenio é impulsar un proxecto que se presenta como unha excelente oportunidade para darlle pulo ao turismo no territorio optimizando recursos estruturados e organizados, ofrecendo produtos turísticos diferenciados, competitivos e recoñecibles polo mercado; creando unha infraestrutura turística coordinada con capacidade para atender debidamente ao visitante; traballando baixo unha imaxe de marca recoñecible que permita diferenciar este xeodestino fronte ao resto de opcións coas que compite; xerando un proxecto común coa implicación de todos os concellos participantes guiado por un plan estratéxico que marque o camiño a seguir; e artellando unha estrutura organizativa e de xestión que permita desenvolver as estratexias e coordinar as accións definidas dun xeito profesional, áxil e permanente.

Que son os xeodestinos?

Os xeodestinos son recoñecidos pola Xunta de Galicia como os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais e que conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Trátase de establecer mecanismos de cooperación, estruturar a actividade mediante o aproveitamento racional dos recursos e impulsar o turismo dun modo eficiente con produtos e servizos competitivos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

32FansGóstame
260SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies