spot_img
InicioO SalnésO VII Certame de Pintura Rápida de Arra refórzase cun novo premio...

O VII Certame de Pintura Rápida de Arra refórzase cun novo premio para o “artista local” e a zona de traballo chegará ata Portonovo

A Feira Gastronómica de Produtos Galegos e o Serán dous Loureiros regresan á praia de Montalvo os días 5, 6 e 7 de agosto

Revista COUSAS DE nº14

Arra recupera a súa tradicional programación estival coa XXI Feira Gastronómica de Produtos Galegos e VII Certame de Pintura Rápida. O presidente da Asociación San Cayetano de Arra, Bruno Vidal, e a concelleira de Cultura, Paz Lago, presentaron esta mañá no patio da Casa do Priorado de Arra as actividades previstas para o 5, 6 e 7 de agosto.

A praia de Montalvo converterase un ano máis en escenario da degustación de produtos tradicionais, en horario de mañá e tarde, 12:30 e 20 horas. A artesanía e a música tradicional serán outros dous ingredientes craves en cada unha das xornadas da celebración. O venres, 5, un dúo amenizará a velada e o sábado, 6 de agosto, terá lugar o VII Serán dous Loureiros, a partir das 22 horas, que contará coa participación de Soalleira. Ás 23 horas, actuará un cantautor e ás doce da noite realizarase a tradicional queimada gratuíta para os asistentes. O domingo 7, Soalleira, volverá facer soar as pandeiretas na carpa cunha actuación ás 21 horas.

Enmarcado nesta fin de semana, concretamente o día 7, o Certame de Pintura Rápida de Arra chega á súa sétima edición cunha aposta reforzada debido ao crecemento da cita desde a súa celebración. O concurso eleva a contía económica dos premios nas categorías de adulto e infantil e crea un novo para incentivar a participación dos veciños do municipio cun premio dedicado ao “Artista Local” con 500 euros. En total repartiranse, 2.650 euros en metálico e entradas para o Racing Dakart Sanxenxo e o Aquapark. A cita converteuse nun auténtico referente dentro e fóra da localidade con artistas de distintos puntos da xeografía española.

Este ano, ademais, ampliarase a zona de traballo dos artistas ata Portonovo. O estilo e a técnica son libre, pero o lenzo debe reflectir sempre un lugar da parroquia de Arra e a súa contorna. As obras deberán realizarse in situ e a organización poderá comprobar a evolución da mesma en calquera momento. O material deberao achegar cada participante.

A participación no certame será gratuíta, previa inscrición en scarra.asociacion@gmail.com ou o mesmo día do certame na selaxe dos lenzos, en horario de 9 a 11, que terá lugar na coñecida tixola da praia de Montalvo. A entrega de premios realizarase no Priorado onde se expoñerán todas as obras entre as 19 e 21 horas para ser avaliadas polo xurado.

 

- Publicidade -spot_img