Oito espectáculos conforman a programación de outono, presentada a pasada semana no Concello, que do 6 de outubro ao 24 de novembro se poderá gozar no Teatro Municipal de Tui. Teatro, música, maxia e cinema centran esta proposta cultural. Dos oito espectáculos previstos catro son para público infantil e familiar e catro para público adulto.
A Compañía Humana será a encargada de abrir esta programación o próximo venres 6 de outubro con “Iphixenia”, unha revisión contemporánea do clásico de Eurípides. Sara Rey dirixe esta obra interpretada por Alba Caneda.
Talía Teatro representará o venres 20 de outubro “Unha inimiga do pobo”, unha adaptación do clásico de Ipsen dirixido por Tito Asorey e interpretado por Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala. Unha prestixiosa médica que volve á súa vila para emprender novos proxectos é a protagonista desta historia na que loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos.
Outra historia protagonizada por unha muller chegará coa proxección da película “Matria” de Álvaro Gago. María Vázquez obtivo o Premio á mellor actriz no Festival de Málaga pola interpretación de Ramona. A cita será o venres 10 de novembro.
Pechará esta programación o 24 de novembro Redrum Teatro con “Hamelin”. Alex Sampayo dirixe esta obra baseada no texto de Juan Mayorga e interpretada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado, Rubén Porto e Fran Lareu. De forma sutil aborda as diversas formas de violencia sobre nenos e nenas nunha cidade Hamelin, que podería ser calquera cidade.
O público infantil e familiar contará tamén con catro espectáculo. O ilusionista Joshua Kenneth presentará o seu espectáculo de maxia “Degustación de imposibles” o venres 13 de outubro.
Unha revisión do clásico “Pedro e o lobo” chegará ao Teatro Municipal o venres, 27 de outubro, con Fantoches Baj. Inacio Viñariño é o director e tamén actor xunto a Larraitz Urruzola, e Luchi Iglesias desta obra na que empregan marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku e acompañadas coa música do clásico de Prokofiev.
“Un soño é…” é o novo espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona que estará en Tui o venres, 3 de novembro. O fío conductor do espectáculo son os soños de cada un dos integrantes da banda, Ñoc, Pali, Abraham, Serghaño, Roscón e Uxía. Laura De Gabriel, subliña que este non será “un concerto ao uso” xa que terá unha gran parte de animación. Laura De Gabriel animaba “á rapazada a cantar e bailar con nós” nas versións que fan de cancións galegas e temas propios.
O venres, 17 de novembro, Baobab Teatro representará “Ás para Álex”. Andrea Bayer e Óscar Ferreira dirixen a Cora Velasco e Xose Esperante neste espectáculo protagonizado por Alex, un neno de 8 anos, ao que Laura lle ensina a cambiar a mirada logo de ter que renunciar a todo o que lle gustaba tras perder a mobilidade.
A cita será cada venres ás 19.30 h para os espectáculos infantís e ás 21.30 h no caso dos dirixidos a público adulto.






