O Servizo Autonómico de Gardacostas de Galicia atendeu 20 emerxencias marítimas desde o inicio do verán, cunha especial incidencia da náutica de recreo
Galicia é a única comunidade que conta cun servizo propio de Gardacostas operativo as 24 horas os 365 días do ano e dotado con medio marítimos, terrestres e aéreos. Un departamento que ve incrementada a súa carga de traballo coa chegada da época estival debido ao aumento do número de emerxencias marítimas, na súa maior parte vencelladas á náutica de recreo. Así, desde o inicio do verán o servizo autonómico xa atendeu 20 episodios desta índole, na súa maioría concentrados na ría de Arousa, e que se suman á detección, control e eliminación de verteduras ao longo de todo o litoral galego.
Entre as intervencións realizadas nestas últimas semanas destaca a complexa evacuación médica dun tripulante a bordo dun palangreiro a 130 millas da costa. Os fortes ventos e o adverso estado do mar dificultaron o operativo realizado polo helicóptero Pesca 1 cuxo éxito volveu a deixar de manifesto o alto grao de preparación dos seus efectivos. Con todo, a maior parte das actuacións foron relativas ao rescate e remolque de embarcacións recreativas por quedar á deriva por avarías, falta de combustible, varadas ou debido a colisión contra bateas. Situacións, na súa maioría, evitables tomando as debidas precaucións polo que desde Gardacostas chaman á responsabilidade. Así, recordan a lexislación vixente permite trasladar os custes do operativo nos casos de imprudencia.
Este mesmo luns, a patrulleira de Gardacostas de Galicia Irmáns García Nodal tivo que mobilizar a súa auxiliar de rescate rápido para atender a dúas persoas, un adulto e un menor, tras colidir a súa moto acuática contra o peirao de Covelo, no concello pontevedrés de Poio. A estas accións hai que sumar evacuacións de persoas atrapadas en zonas de difícil acceso como acantilados ou as labores de busca e rescate formando parte de operativos como o despregado a finais do mes pasado na desembocadura do río Miño polo naufraxio dunha embarcación.
O departamento autonómico alerta do incremento de incidencias, especialmente durante a fin de semana, e reitera o chamamento á responsabilidade e á prudencia da cidadanía. As cifras actuais deixan en evidencia a necesidade de poñer en marcha novas estratexias e maior cooperación entre os servizos das distintas Administracións, que permitan reverter esta preocupante tendencia á alza.
@Fonte:XuntadeGalicia



