spot_img
InicioGaliciaO recordo a Carlos Casares bate con forza en Xinzo de Limia...

O recordo a Carlos Casares bate con forza en Xinzo de Limia no homenaxe da RAG

O recordo de Carlos Casares bateu hoxe con forza no corazón da Limia. “Era de xustiza. Aquí, os latexos da súa memoria son campás de celebración que repican asemade en todos os recunchos do país”, anunciou Fina Casalderrey na primeira das tres alocucións da sesión extraordinaria coa que a Real Academia Galega celebrou o Día das Letras Galegas dedicado ao escritor.
A académica percorreu os escenarios da infancia ourensá do homenaxeado e reivindicou a súa contribución á literatura infantil e xuvenil en galego.
Henrique Monteagudo afondou deseguido no “arco central” da súa novelística e Xesús Alonso Montero centrouse na poesía, xénero que cultivou na etapa universitaria, e recuperou os versos que lle dedicara a unha icona da mocidade da época, o Che Guevara.
Alén da dimensión literaria de Carlos Casares analizada nas tres alocucións, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, salientou na clausura do acto a dimensión do homenaxeado de xestor cultural que desenvolveu como editor, “que é unha maneira de organizar o coñecemento para difundilo”, á fronte de Galaxia desde 1986 ata o seu pasamento; e a dimensión como cidadán, “como home comprometido co seu país e co seu tempo”. “Carlos Casares traballou sempre desde o compromiso por Galicia, pola lingua e pola identidade”, expresou. E tamén, engadiu, desde o compromiso coas institucións, convencido de que Galicia precisa que estas sexan “cribles e capaces de concitar aceptación social”. Víctor F. Freixanes recordou neste sentido o labor de Casares como membro da RAG, presidente do Consello da Cultura Galega e mesmo como parlamentario, etapa na que foi un dos impulsores da Lei de normalización lingüística.
- Publicidade -spot_img