O Porto de Vigo e o Concello de Baiona acollerán, ao longo do mes de novembro, un ciclo de conferencias sobre temas relacionados co ámbito da historia e a cultura naval, tanto de carácter histórico como actual, e que foron organizadas pola Comandancia Naval de Vigo
Estas conferencias teñen un marcado carácter divulgativo, polo que están dirixidas ao público xeral e o seu acceso será libre ata completar aforo.
O Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo será o encargado de inaugurar o programa o vindeiro mércores, día 15 de novembro, ás 19.30H., cunha charla sobre “A mar, espazo de interese vital para España”, que será impartida polo tenente coronel de Infantería de Mariña, D. Samuel Morales Morales.
A seguinte cita prevista coa historia e a cultura naval terá lugar o 21 de novembro, ás 19.30H., no Edifico Multiusos situado no Mercado de Sabarís, en Baiona. Neste caso, o coronel de Infantería de Mariña, D. José Cánovas García, departirá sobre o “Desenvolvemento da Batalla De Lepanto”.
As conferencias están organizadas pola Comandancia Naval e coa colaboración da Autoridade Portuaria e o Concello de Baiona
Un día despois, o mércores 22 de novembro ás 19.30H., o ciclo de conferencias regresará ao Edificio de Sesións da APV para debater sobre a “Historia da Armada” da man, unha vez máis, do coronel de Infantería de Mariña, D. José Cánovas García.
Pechará o ciclo unha conferencia sobre o “Tte. Xrl. (Almte.) Blas De Lezo e Olavarrieta” o xoves, 23 de novembro, ás 19.30H., no Edifico Multiusos do Mercado de Sabarís.
A valorización da historia e a cultura marítima é o obxectivo dun dos grupos de traballo Blue Growth do Porto de Vigo. Os seus integrantes promoven a preservación e promoción do patrimonio marítimo e portuario da Ría de Vigo e a súa paisaxe cultural máis próximo, conscientes, ademais, do importante papel que a diplomacia cultural ten no deseño da acción exterior de Galicia. Para o máximo responsable portuario: “É importante coñecer o pasado para mirar cara ao futuro”
Pola súa banda, desde o Concello de Baiona, o seu alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, pon en valor a vinculación histórica da vila co mar. “Baiona ten un pasado, un presente e un futuro ligado ao mar”, polo que “é un orgullo” apoiar unha iniciativa cultural como esta “cun dos portos máis importantes de Europa”.