Un total de 19 establecementos de hostalería porriñeses participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2022
Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración con AHOSPOR para poñer en valor a nosa hostalería, promocinar o comercio local e dinamizar a vila. Nos próximos días presentaranse outras actividades que completan programación.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, e o presidente de AHOSPOR, Jose Manuel Fernández, foron os encargados de presentar esta mañá esta iniciativa que dá o pistoletazo de saída ao Entroido porriñés esta fin de semana.
“Desde esta fin de semana e ata o 5 de marzo poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros cada venres e sábado, de 19 a 22h”, explicou o concelleiro , Bienvenido Estévez.
“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustados ao módico prezo de 1,5 euros”, explicou o presidente dos hostaleiros, Jose Manuel Fernández quen destacou que estas actividades demostran que a hostalería do Porriño “sigue moi viva e ten moito que ofrecer”.
Pola súa banda, o rexedor animou a toda a veciñanza do Porriño, e tamén aos veciños e veciñas dos municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que unha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para convivir e encontrarnos, algo moi importante tras os momentos que levamos vivido”. Quixo tamén agradecer a AHOSPOR e á hostelería do Porriño a súa iniciativa xa que “este tipo de iniciativas contribúen a revitalizar o noso pobo e a nosa economía”.



