Durante todo este mes, o edificio Cambón acollerá dúas exposicións: ‘Lenzos de natureza’ e ‘Unha ollada ás túas illas’
O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia albergará unha serie de actividades ao longo do mes de febreiro co fin de divulgar a diversidade de flora e fauna desta contorna.
Por unha parte, durante todo este mes, o edificio Cambón acollerá dúas exposicións: ‘Lenzos de natureza’, un conxunto de obras do II Encontro de pintores no parque nacional; e ‘Unha ollada ás túas illas’, obras do II Concurso de fotografía do parque.
Ao longo da vindeira semana, os nenos poderán acudir ao edificio Cambón para observar unha exposición divulgativa sobre humidais, coincidindo coa semana mundial da conmemoración destes espazos naturais.
O 19 de febreiro, no edificio Cambón terá lugar a entrega de premios do II Concurso de fotografía e I Concurso de relatos do parque nacional. Esta celebración comezará ás 19.30 horas.
Por outra parte, o Parque das Illas Atlánticas tamén programa dúas rutas de inverno co obxecto de dar a coñecer os trazos máis característicos dos arquipélagos, así como fomentar a importancia do coidado destas contornas para acadar a súa axeitada conservación. O día 14 de febreiro haberá unha visita a Cíes e o 22 do mesmo mes a protagonista será Sálvora.
O Parque das Illas Atlánticas continúa traballando cos máis cativos, polo que ao longo deste mes este centro recibirá a visita de varios colexios como o Mestre Martínez Alonso, de Mos; ou Sagrado Corazón, de Castiñeiras, en Ribeira.
A continuación, un cadro no que se detallan todas as actividades que o Parque das Illas Atlánticas oferta para este mes de febreiro.
DÍA | ACTIVIDADE |
Todo o mes | Exposición Unha ollada ás túas illas. Cambón |
Todo o mes | Exposición Lenzos de natureza. Cambón |
2 ao 8 febreiro | Semana mundial dos humidais. Exposición para nenos no Cambón. |
14 febreiro | Ruta de inverno a Cíes. |
19 febreiro | Entrega de premios II Concurso de fotografía e I Concurso de relatos do Parque nacional. Cambón ás 19.30 horas. |
20 febreiro | Visita colexio Mestre Martínez Alonso (Mos). |
22 febreiro | Ruta de inverno a Sálvora. |
24 febreiro | Visita colexio Sagrado Corazón (Ribeira). |
25 e 26 febreiro | III Xornadas de difusión e investigación e seguimento no parque nacional. |
27 febreiro | Visita Colexio Mestre Martínez Alonso (Mos). |



