O Porto de Vigo continúa sumando recoñecementos polo seu defensa do medioambiente. Tras recibir recentemente a Bandeira de Carreiro Azul que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que premia o labor levado a cabo na fronte portuaria, desde a Praza da Estrela ata o Paseo dos Peixes, en Bouzas, ADEAC decidiu premiar, nesta ocasión, ao visor submarino “Nautilus” como Centro Azul, é dicir, un espazo dedicado á educación ambiental.
Trátase do único Porto de España recoñecido con esta distinción ao fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de lecer. Os centros azuis son unha categoría na que se engloban aulas da natureza e do mar, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental. Dos 92 centros azuis que hai este ano en todo o país, 17 están en Galicia, que é a segunda Comunidade con máis distincións neste ámbito.
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, foi o encargado de recibir esta distinción nun acto celebrado na praia de Balarés, en Ponteceso, no que compartiu escenario co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Mejuto; o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato; e a secretaria de ADEAC, Eva García; ademais do resto de premiados.
O visor submarino
O visor submarino “Nautilus”, impulsado pola Autoridade Portuaria de Vigo e situado na dársena da Laxe, en pleno centro da cidade, permite ver o fondo mariño a través de grandes ventás de cristal. O seu obxectivo é achegar á cidadanía a importancia do océano e a necesidade de protexelo, xa que, en palabras do máximo responsable portuario, Carlos Botana: “un porto pode funcionar moi ben desde o punto de vista económico e, ao mesmo tempo, ser un lugar agradable para o medio ambiente”.
Desde a súa apertura, o “Nautilus” recibiu a ao redor de 80.000 visitantes e a un centenar de colexios, que puideron comprobar in situ a rica biodiversidade que habita nas augas do Porto olívico: corvos mariños, robalizas, londras, tartarugas, chocos, cabaliños de mar, nécoras, golfiños e un longo etcétera de especies que non deixan indiferente a ninguén.
Así, o ”Nautilus” permite observar as especies mariñas no seu hábitat natural. Un espazo aberto ao público xeral as fins de semana con visitas guiadas, totalmente gratuítas, petfriendly e adaptado para persoas con mobilidade reducida. En concreto, os interesados poden mergullarse baixo as augas do Porto os venres, en horario de 16h a 20h, e os sábados, domingos e festivos de 10h a 13h e de 16h a 20h.
No caso de visitas grupais para colexios ou outros colectivos, a solicitude deberá realizarse a través da web da institución (https://www.apvigo.es/es/paginas/visitas) con, polo menos, unha semana de antelación.

Neste caso, as visitas dos máis pequenos adoitan complementarse cunha visita ao Hidria Segundo, un buque histórico, único en España polo seu motor de vapor operativo. Unha verdadeira xoia do patrimonio cultural marítimo galego construído entre 1963 e 1966 para fornecer auga de manancial a mercantes, transatlánticos e pesqueiros na ría. Ademais de coñecer as reviravoltas deste museo flotante, os visitantes poderán participar en talleres de formación náutica para coñecer as técnicas de navegación tradicionais.
Un novo punto de atracción turística para a cidade
Pero a institución que preside Carlos Botana quere ir máis aló e xa traballa no que serán os seus “Peiraos do Solpor”. Unha iniciativa nova e única nun porto, que busca continuar a senda marcada desde Praza da Estrela de apertura do Porto á Cidade apostando, ao mesmo tempo, por un desenvolvemento portuario sostible, a concienciación ambiental e a innovación tecnolóxica, entre outras.



