O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle a mostra “Jordi Bernadó. ID Project” na que o fotógrafo e arquitecto explora a esencia da identidade humana a través de retratos de personalidades do mundo contemporáneo, coa singularidade de que están de costas á cámara
Desde este venres e ata o vindeiro 26 de maio poderá visitarse no Marco a exposición ID Project: 14 fotografías que constitúen un achegamento ao xénero do retrato con personalidades célebres polo seu compromiso en distintos campos da ciencia, as artes, a investigación e os dereitos humanos. Stephen Hawking, Muhammad Yunus, Vivian Gornik, Woody Allen, Gao Xingjian ou Ferrán Adriá son algúns dos retratados.
No acto de inauguración e acompañando ao artista estiveron, Abel Caballero (alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO), Pablo Junceda (director xeral de Sabadell Gallego) e Miguel Fernández-Cid (director do MARCO). Jordi Bernadó explicou as tres condicións que trasladou ás persoas protagonistas: debían elixir o lugar onde ser fotografados, que non podía ser un lugar calquera, senón aquel que representase o seu lugar no mundo; debían posar de costas á cámara e soamente se faría un disparo coa cámara. Así, a mostra confórmase cun rostro ausente nunha paisaxe amada, sendo esta a única pista que o espectador ten sobre a identidade do retratado.
Na súa intervención, Abel Caballero trasladou “a honra e satisfacción que sinto porque o Marco acolla esta exposición”, lamentando que non poida ser unha mostra permanente, e dirixiuse a Jordi Bernadó para trasladarlle que a “túa idea de exposición é filosofía. Soamente os moi ousados se atreven a cambiar o concepto e para iso hai que ser un xenio”.
O rexedor agradeceu a cesión das obras a Pablo Junceda, director xeral adxunto do Banco Sabadell, que son os propietarios, e destacou a presenza da institución en Vigo e en Galicia. Así mesmo, salientou o labor de Miguel Fernández-Cid como director do Marco. inaugurouse este venres no Marco, coa presenza do artista, do director do Marco
O proxecto ID, de Jordi Bernadó, que se exhibe a partir do 2 de febreiro no MARCO, reúne 14 fotografías que constitúen un achegamento ao xénero do retrato. Grandes personalidades do mundo contemporáneo, especialmente célebres polo seu compromiso en distintos campos da ciencia, as artes, a investigación e os dereitos humanos, son as súas protagonistas.
ID Project é un proxecto aberto, que foi presentado por primeira vez no Museu Nacional d’Art de Catalunya no verán de 2022. A partir de entón, continuou expandíndose e itinerando como proposta expositiva, grazas á colaboración da Colección de Arte Banco Sabadell, propietaria de todas as obras que integran o proxecto.
As fotografías están suxeitas a dúas condicións. Primeira, cada participante debe elixir o lugar onde será fotografado. Non pode ser un lugar calquera, senón aquel que represente o seu lugar no mundo. Segunda, o artista pídelles que dean as costas á cámara. Non é o seu rostro o que captura, senón a súa ausencia. Un rostro ausente nunha paisaxe amada.
En palabras de Amanda Mauri , “os retratados convértense en figuras apenas identificables: unha silueta no horizonte, un punto cardinal na vasteza que se abre ante a imaxe. A paisaxe convértese na única pista que o espectador ten acerca da identidade do retratado. Todos temos un lugar no mundo, un lugar que amamos, que estrañamos, un lugar ao que volver. E todos temos as nosas razóns para elixilo. Neste caso, o significado de cada lugar queda plasmado na fotografía, pero velado. Un segredo entre o suxeito e o artista.”