A comarca do Morrazo celebra as V Xornadas Etnográficas do Morrazo, organizadas pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo e a Asociación Cultural Peis D’ Hos, coa colaboración doutras empresas e colectivos, e que pretenden reivindicar a música e o baile, o traxe tradicional e que contan tamén coa concienciación medioambiental
O programa da mostra presentouse o pasado venres nas inmediacións da Praza de Abastos de Bueu, nun acto no que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade do Morrazo, concelleiros e concelleiras da comarca e representantes de colectivos colaboradores.
Félix Juncal salientou a importancia de eventos coma estes, pois “potencian a cultura propia e a etnografía da comarca, e de todo o tecido asociativa”. Así mesmo Juncal reivindicou a importancia de que a Mancomunidade asuma proxectos conxuntos, como son estas xornadas ou os campionatos de balonmán e balonmán praia.
Miguel Sotelo, coordinador de Peis D’Hos, destacou que este ano o programa se condensa nas fins de semana e un día por cada municipio. Así, as xornadas arrancaron o pasado domingo, 27 de agosto, no municipio de Moaña. Os bares da vila estiveron ambientados coa música de cantos tradicionais, populares e de taberna cos grupos Maravallada e Peis D’Hos.
En Bueu, todas as actividades concentraranse o 2 de setembro. Ese día ás 17 horas, a Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos organizarán unha travesía nunha embarcación tradicional a vela. Ás 19 horas, a pista da Banda do Río acolle un espectáculo infantil a cargo de As Armadanzas. Ao mesmo tempo, nas rúas de Bueu haberá desfiles de bandas de gaitas, con grupos como Manxadoira.
Ás 20.30 horas desenvolverase o “prato forte das xornadas”: a V Mostra Etnográfica na pista da Banda do Río coas actuacións das agrupacións Sadeo (Ponteareas) e Trébede (Cangas). E a continuación poderase gozar da foliada con Donaire, Alxibeiras, As Mosas do Hío, Tarambainas, Sadeo e Retrouso.
As xornadas culminarán en Cangas por todo o alto o 3 de setembro. Ese día pola mañá, a Casa Consistorial de Cangas acollerá diversos obradoiros e charlas: ás 11.30 horas, na planta baixa, Sisel Galicia ensinará a elaborar marcapáxinas con forma de monteira; a esa mesma hora, no salón de plenos, presentarase o documental “Axudádeme a cantar” do Consello da Cultura Galega, unha proposta de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión a man no que se conta coa colaboración de tocadoras tradicionais e participantes en procesos de recollida e divulgación, así como artistas modernas; ás 12.45 horas, farase unha escoita e unha análise do arquivo do etnomusicólogo Alan Nomax da man de Cantometrics.
Xa pola tarde, ás 17 horas terá lugar no salón de plenos a charla informativa da Plataforma Augas Limpas sobre a conservación e rexeneración da ría de Aldán – O Hío. Ás 17.30 horas, Nuria Gesteira impartirá un obradoiro de canto e pandeireta na Antiga Cámara Agraria; ás 18 horas, na planta baixa do Concello de Cangas, Sisel Galicia ensinará a arte de elaboración de minipandeiretas con feltro, cartón e chapas. Ás 19 horas, presentarase o libro As que dormen entre o centeo, da Asociación de Gaiteirxs Galegxs, unha proposta que quere visibilizar a creación musical da gaiteiras galegas, e recolle dezaseis autoras de distintas xeracións e ata 36 partituras.
E xa a partir das 19 horas, o Recinto de Ojea acolle un obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego con Miguel Sotelo, e concertos de Lina e Lola, Charanga Trébede, Lagharteiras e Ailá!